A Deputación da Coruña financia 112.000 horas de axuda no fogar e contrata a 34 profesionais da área social nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal
Neda é o concello da provincia que ofrece máis horas de axuda no fogar co apoio da Deputación, un total de 16.200 ao ano
En toda a provincia, a institución provincial financia este ano preto de 400.000 horas de axuda no fogar e contrata a 178 profesionais
O presidente demanda un maior investimento da Xunta para colaborar cos concellos no financiamento da atención á dependencia e os servizos de axuda no fogar
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron hoxe o Concello de Neda para coñecer de primeira man os servizos sociais do municipio que funcionan con financiamento da institución provincial.
Acompañados do alcalde Ángel Alvariño, Formoso e García mantiveron un encontro co persoal que traballa na área social do Concello e cun grupo de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do municipio, no que se interesou polo seu traballo diario e as súas condicións laborais.
Formoso destacou que, nos concellos de menos de 20.000 habitantes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a Deputación financia este ano 111.962 horas de SAF de libre concorrencia e contrata a 34 profesionais da área social. Entre eles, destacan Neda con 16.200 horas/ano, o concello que máis horas solicita en toda a provincia; Ares, con 13.000 horas e As Pontes, con 10.300 horas.
O presidente provincial destacou a importancia do traballo que realizan as coidadoras, "un servizo esencial para coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias".
Formoso destacou o compromiso da Deputación con este eido e reclamou un maior investimento por parte da Xunta de Galicia, que ten as competencias en materia de política social e atención á dependencia. "As achegas por parte da Xunta son escasas para soster o sistema de dependencia, que é o cuarto piar do estado de benestar, do que dependen tantos miles de familias en Galicia", afirmou.
A portavoz das traballadoras do SAF de Neda, Cecilia Pantín, agradeceu o interese pola situación do colectivo e destacou que "o queremos conseguir, coa axuda das administracións, e que a xente maior estea mellor atendida sen que os nosos dereitos laborais e a nosa saúde física estean en perigo. É moi importante que todas as administracións nos escoiten e nos apoien", afirmou.
O alcalde, Ángel Alvariño, agradeceu o apoio da Deputación aos servizos sociais municipais e destacou que "a atención aos nosos maiores é unha prioridade, de aí que destinemos un 25% do noso orzamento á dependencia e servizos sociais". "Estamos moi orgullosos da labor que fan as traballadoras", apuntou.
A Deputación vén de publicar no BOP o Plan de Servizos Sociais Comunitarios 2024, cun investimento total de 8,3 millóns de euros, que permitirá cofinanciar cos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia a prestación de preto de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a contratación de 178 profesionais especializados no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables.
O presidente da Deputación destacou que "a Deputación reforzou nos últimos anos este programa que fai posible mellorar a calidade de vida de miles de persoas e que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, incluso nos concellos máis pequenos", afirmou.
Axuda a domicilio
A demanda de servizos de axuda no fogar incrementouse notablemente nos últimos anos. A Deputación financiará durante 2024 un total de 395.804 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores nos pequenos concellos. coruñeses A cifra supón un incremento de 120.000 horas con respecto a 2020.
Ademais, a través doutros programas provinciais como o POS Social, creado durante a pandemia, os concellos poden incrementar os fondos que destinan a financiar a axuda no fogar.
En 2024, a Deputación financiará 111.961 horas de SAF da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal, 67.342 horas nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.034 nos do Barbanza, 75.151 nos de Bergantiños e Costa da Morte, e 91.314 nos de Santiago.
O programa financia a contratación de 178 profesionais do eido social
O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 178 profesionais especialistas do eido social. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.
O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.
Estes ano, a Deputación financiará a contratación de 37 profesionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca da Coruña, 19 na comarca do Barbanza, 35 na de Bergantiños-Costa da Morte, 34 nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 53 na comarca de Compostela.
CONCELLOS DA COMARCA | PERSOAL CONTRATADO NOS SERVIZOS SOCIAIS | HORAS DE AXUDA NO FOGAR | INVESTIMENTO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA |
ARES | 2 | 13.000,00 | 196.000,00 |
CABANAS | 2 | 6.054,75 | 112.657,00 |
A CAPELA | 0 | 2.500,00 | 30.000,00 |
CARIÑO | 2 | 7.646,00 | 135.752,00 |
CEDEIRA | 2 | 3.492,91 | 81.914,92 |
CERDIDO | 1 | 2.000,00 | 42.000,00 |
FENE | 3 | 5.688,17 | 130.258,04 |
MAÑÓN | 1 | 6.500,00 | 96.000,00 |
MOECHE | 1 | 2.000,00 | 33.000,00 |
MONFERO | 0 | 5.000,00 | 60.000,00 |
MUGARDOS | 2 | 5.864,63 | 114.375,56 |
NEDA | 2 | 16.200,00 | 223.400,00 |
ORTIGUEIRA | 5 | 5.000,00 | 166.000,00 |
PONTEDEUME | 3 | 8.443,50 | 167.322,00 |
AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ | 2 | 10.300,00 | 167.600,00 |
SAN SADURNIÑO | 2 | 1.150,00 | 53.800,00 |
AS SOMOZAS | 1 | 1.750,00 | 39.000,00 |
VALDOVIÑO | 2 | 3.600,00 | 83.200,00 |
VILARMAIOR | 1 | 5.772,00 | 91.264,00 |
TOTAL COMARCA | 34 | 111.961,96 | 2.023.543,52 |