Estás en:Emprego Novas

Montse Pena

#AVoltaÁProvinciaEn52Autoras

Montse Pena

Montse Pena

Montse Pena Presas naceu en Sada. Licenciada en Filoloxía Galega pola USC e Máster en Edición pola Universidade de Salamanca, doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela coa tese "Feminismo, xénero e coeducación na literatura infantil e xuvenil: historia crítica e aplicación didáctica". A súa investigación ata o momento centrouse especialmente na educación literaria, a abordaxe sociocrítico da literatura e os estudos de xénero.

As súas contribucións máis importantes pódense atopar nas biografías sobre dúas autoras e tradutoras que contribuíron activamente a consolidar a literatura infantil en galego (María Victoria Moreno e Xela Arias) e na biografía sobre o dramaturgo Vidal Bolaño (Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras dos pasos de Roberto Vidal Bolaño, publicada en 2013. Tamén é fundamental a súa achega no libro Feminismos e literatura infantoxuvenil en Galicia.

Na mesma liña, no traballo destes dez anos resaltan publicacións encamiñadas a analizar o tratamento do xénero nas traducións de libros ao galego, a dilucidar o impacto que o movemento feminista organizado tivo na literatura infantil ou a analizar a calidade literaria das coleccións coeducativas.

As súas investigacións sobre literatura infantil e xénero valéronlle en 2020 o III Premio de Introdución á Perspectiva de Xénero na Investigación, outorgado pola USC, e que xa conseguira na convocatoria de 2017 na modalidade de docencia. Outro dos seus grandes centros de interese foi como gañar lectoras e lectores, especialmente a través do uso do álbum ilustrado e o empeño por buscar unha lectura que camiñase cara á inclusividade desde unha perspectiva múltiple e diversa .

Participou en diferentes proxectos que vinculaban a teoría literaria e os estudos de xénero, como "Teoría das emocións e o xénero na cultura popular do século XXI" (IP: Helena González, Universitat de Barcelona, 2015-2017) ou "Tránsfugas e parias modernas: xénero e exclusión na cultura popular do século XXI" (IP: Helena González, Universitat de Barcelona, 2018-2019). En 2019 pasou a formar parte do equipo de traballo do proxecto "Formar lectores na sociedade dixital a través do libro de non ficción" (IP: Rosa Tabernero, Universidade de Zaragoza).

As súas investigacións xeraron unha importante transferencia do coñecemento, que se materializaron en cursos organizados polas Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, os CAFI, a Asociación Psicopedagóxica Galega (AS-PG), ou a Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Obra

Edición

  • Carlos Casares. As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (2017). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. [FGE/433
  • Epistolario a Fernández del Riego. Ricardo Carballo Calero (2006). Ed. con Dolores Vilavedra. Vigo: Editorial Galaxia.
  • Guía de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria. II (2010). Ed. con Pilar Sampedro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Ensaio

  • Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño (2013). Vigo: Galaxia. Libro DVD, o texto de Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso é autor do documental que acompaña o libro.
  • Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia (2018). Santiago de Compostela: Edicións Laiovento. [GAL I 3]
  • A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida (2018). Vigo: Galaxia. [GAL/8507]
  • Intempestiva. Biografía (literaria) de Xela Arias (2021). Vigo: Galaxia. 
  • Ax(e)itar a lingua. Orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino (2022). Con María Caamaño Rojo. Federación de ensino da CIG en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

Didáctica

  • Unidade didáctica para Bacharelato sobre a obra "Feminismos. A historia cóntana as vencedoras" de Anna Figueirido (2020). Vigo: Galaxia.
  • Unidade didáctica para Educación Secundaria Obrigatoria sobre a obra "Feminismos. A historia cóntana as vencedoras" de Anna Figueirido (2020). Vigo: Galaxia.

Tradución

  • Eric Carle. A eiruguiña comellona (2011). Kókinos.

A Autora nas Redes

A Autora dixo:

"Porque os libros que len as nenas e mozos deixan un importante pouso que sempre se pode xestionar. Ás veces este convértese nunha pesada carga: as obras non nos deixan ser as que queremos e sitúannos dentro da casa ou, no mellor dos casos, entre os enreixados do xardín. Noutras ocasións, non obstante, eses libros dannos ás, permítennos soñar diferente e mesmo sermos outras e outros. O poder da literatura non unicamente reside na capacidade de que poidamos soñarnos distintas, senón en que nos capacita, a través da imaxinación, para situarnos no lugar de aqueles e aquelas que nunca seremos".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X