Estás en:Emprego Novas

A Deputación financia con 211.000 euros a dinamización dos coworkings da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo  

Formoso defende a aposta da Deputación polo emprendemento "para que o talento da nosa xente moza poda desenvolver aquí os seus proxectos" e para "dar novas oportunidades de futuro ao rural"

A Rede Provincial de Coworking atópase integrada por 11 centros especializados por sectores e distribuídos polas diferentes comarcas da provincia

A Deputación financia con 211.000 euros a dinamización dos coworkings da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo   

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución de concesión das axudas para a dinamización e xestión dos centros de coworking adheridos á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo durante o ano 2024

As achegas económicas da Deputación están destinadas a que os centros de traballo integrantes da Rede conten con asistencias técnicas especializadas na xestión deste tipo de centros, contribúe á súa dinamización sufragando os custos funcionamento ou compras de bens destinados á actividade, así como contando con servizos de profesionais independentes para desenvolver actividades formativas e eventos.

"A Rede Provincial de Coworking é unha das apostas da Deputación para impulsar o emprego e o emprendemento e dar novas oportunidades de futuro ao rural. Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona", afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou que "o noso obxectivo é apoiar o talento da nosa xente moza para que poda desenvolver aquí as súas ideas, acompañando e titorizando a posta en marcha dos seus proxectos, prestándolles servizos e facilitando que compartan experiencias e recursos", apuntou.

Estas axudas tramítanse en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir, soamente son destinatarios/as das subvencións as entidades sen ánimo de lucro e concellos que xa conten con centros de coworking adheridos á Rede provincial.

Un total de nove espazos de traballo colaborativo dos once cos que conta a Deputación na provincia recibirán subvencións por un total de 211.051,56 euros. As axudas solicitadas oscilan entre os 11.200 euros e os 29.750 euros.

A Rede Provincial de Coworking

A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, impulsada desde o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, está formada actualmente por 11 centros xestionados por concellos e entidades sen ánimo de lucro que dispoñen de instalacións para o seu uso como espazo de traballo, ben sexan viveiros de empresas, centros de negocios ou espazos de coworking.

Os espazos ofrecen módulos de traballo a novas empresas e persoas emprendedoras, prestan servizos comúns para cubrir as súas necesidades básicas e permiten deste xeito a posta en marcha e a consolidación de negocios durante os primeiros anos da súa vida. Ademais, dous deles, o centro Transformando en Brión e o da Fusquenlla en Moeche son espazos colaborativos de transformación agroalimentaria nos que se proporciona aos/ás pequenos/as produtores/as todo o necesario para transformar, procesar, envasar, etiquetar, cumprir co rexistro sanitario e comercializar os seus produtos do campo.

Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada comarca. O obxectivo é acompañar e titorizar as emprendedoras e emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e facilitar que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento das súas ideas de negocio e o nacemento de novos proxectos.

Os espazos que forman actualmente a Rede son o Pazo de Arenaza en Oleiros, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o espazo A Proa en Ames, o Green Coworking das Pontes, o LAB Barbanza de Boiro, o coworking A Pobra, o Centro de Emprendemento A Estación de Vedra, o centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla de Moeche, o Coworking Dixital Compostela e a Casa do Pescador de Miño. Pode atopar máis información sobre todos eles na páxina web da Rede: https://redecoworking.pel.gal/

O Plan de Emprego Loca continúa a apostar polo desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da creación de novos negocios e xerando novas oportunidades laborais no rural, proporcionando os medios materiais e humanos necesarios para a posta en marcha de novas empresas.

SUBVENCIÓNS PEL-REDE COWORKING 2024 CONCEDIDAS

Interesado

Concello

Coworking

Subvención concedida

Concello da Pobra do Caramiñal

Pobra do Caramiñal, A

Coworking A Pobra

19.481,00 €

Concello da Capela

Capela, A

Coworking A Capela

24.791,69 €

Concello de Brión

Brión

Transformando en Brión

29.750,00 €

Asociación de Empresarios Seara

Pontes de García Rodríguez, As

Green Coworking

11.200,00 €

Concello De Vedra

Vedra

Centro de emprendemento A Estación

29.750,00 €

Cámara Oficial de Comercio Industria Servicios y Navegación de Santiago de Compostela

Santiago de compostela

Coworking Dixital Ccompostela

29.750,00 €

Concello de Boiro

Boiro

LAB Barbanza

12.620,30 €

Concello de Ames

Ames

Espazo A Proa

23.958,57 €

Concello de Moeche

Moeche

Centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla

29.750,00 €

TOTAL

211.051,56 €

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X