Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña financia 50.000 horas de axuda no fogar e contrata a 19 profesionais da área social nos concellos do Barbanza

Rianxo, Noia e Outes son os concellos da comarca que ofrecen máis horas de axuda no fogar co apoio da Deputación, con entre 7.000 e 6.000 horas cada ano

En toda a provincia, a institución provincial financia este ano preto de 400.000 horas de axuda no fogar e contrata a 178 profesionais

O presidente demanda un maior investimento da Xunta para colaborar cos concellos no financiamento da atención á dependencia e os servizos de axuda no fogar

A Deputación da Coruña financia 50.000 horas de axuda no fogar e contrata a 19 profesionais da área social nos concellos do Barbanza

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron hoxe o Concello de Rianxo para coñecer de primeira man os servizos sociais do municipio que funcionan con financiamento da institución provincial.

Acompañados do alcalde Julián Bustelo e de membros da corporación municipal, Formoso e García mantiveron un encontro co persoal que traballa na área social do Concello e cun grupo de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do municipio, no que se interesou polo seu traballo diario e as súas condicións laborais.

Formoso destacou que, nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca de Barbanza, a Deputación financia este ano 50.034 horas de SAF de libre concorrencia e contrata a 19 profesionais da área social. Entre eles, destacan Rianxo (7.200 horas e 3 profesionais contratados), Noia (6.011 horas) e Outes (6.000 horas).

O presidente provincial destacou a importancia do traballo que realizan as coidadoras, "un servizo esencial para coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias".

Formoso destacou o compromiso da Deputación con este eido e reclamou un maior investimento por parte da Xunta de Galicia, que ten as competencias en materia de política social e atención á dependencia. "As achegas por parte da Xunta son escasas para soster o sistema de dependencia, que é o cuarto piar do estado de benestar, do que dependen tantos miles de familias en Galicia", afirmou.

Explicou tamén que a visita serviu para avaliar a situación do servizo "e comprobar en que se pode axudar, de que maneira podemos dende a Deputación implementar novas políticas co fin de favorecer a calidade de vida dos usuarios e tamén das traballadoras". Trátase dun servizo "que consume moitos recursos municipais, pero é unha prioridade e queremos afondar en facer mellor ese traballo", asegurou.

O alcalde de Rianxo salientou o apoio da Deputación, que "vén axudando de maneira moi importante a soster un servizo fundamental para os concellos" e remarcou que presta esa axuda "sen ter as competencias, mentres que quen as ten non contribúe como debera". Por outra banda, lembrou que a Administración provincial elixiu Rianxo para a construción dunha residencia pública, o que agradeceu e destacou como mostra do "esforzo importante" que fai a Deputación en materia de dependencia.

A Deputación vén de publicar no BOP o Plan de Servizos Sociais Comunitarios 2024, cun investimento total de 8,3 millóns de euros, que permitirá cofinanciar cos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia a prestación de preto de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a contratación de 178 profesionais especializados no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables.

O presidente da Deputación destacou que "a Deputación duplicou nos últimos anos o investimento neste programa que fai posible mellorar a calidade de vida de miles de persoas e que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, incluso nos concellos máis pequenos", afirmou.

Axuda a domicilio

A demanda de servizos de axuda no fogar incrementouse notablemente nos últimos anos. A Deputación financiará durante 2024 un total de 395.804 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores nos pequenos concellos. coruñeses A cifra supón un incremento de 120.000 horas con respecto a 2020.

Ademais, a través doutros programas provinciais como o POS Social, creado durante a pandemia, os concellos poden incrementar os fondos que destinan a financiar a axuda no fogar.

En 2024, a Deputación financiará 111.961 horas de SAF da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal, 67.342 horas nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.034 nos do Barbanza, 75.151 nos de Bergantiños e Costa da Morte, e 91.314 nos de Santiago.

O programa financia a contratación de 178 profesionais do eido social

O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 178 profesionais especialistas do eido social. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.

Estes ano, a Deputación financiará a contratación de 37 profesionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca da Coruña, 19 na comarca do Barbanza, 35 na de Bergantiños-Costa da Morte, 34 nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 53 na comarca de Compostela.

 

PERSOAL CONTRATADO EN SERVIZOS SOCIAIS

HORAS DE SAF

INVESTIMENTO TOTAL

COMARCA DO BARBANZA

Boiro

2

5.704,00

108.448,00

Carnota

2

4.956,00

99.472,00

Lousame

2

4.000,00

77.000,00

Mazaricos

1

5.000,00

82.000,00

Muros

2

2.873,00

74.476,00

Noia

2

6.011,50

116.138,00

Outes

1

6.000,00

94.000,00

A Pobra do Caramiñal

2

3.600,00

87.200,00

Porto do Son

2

4.690,00

100.280,00

Rianxo

3

7.200,00

150.600,00

Total comarca

19

50.034,50

989.614,00

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X