Estás en:Emprego Novas

O Plan Único da Deputación financia con 460.000 euros a urbanización das rúas Convento e rolda da Coruña no Concello de Melide

As obras tentan continuar as melloras levadas a cabo na zona histórica de Melide e o tramo urbano do Camiño de Santiago

O Plan Único da Deputación financia con 460.000 euros a urbanización das rúas Convento e rolda da Coruña no Concello de Melide

O Concello de Melide vén de licitar as obras de mellora e posta en valor das rúas Convento e rolda da Coruña, ambas as dúas incluídas no POS+adicional 2023.

A Deputación financia o 100% destas dúas actuacións con preto de 460.000 euros e os licitadores teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiros 20 e 21 de marzo respectivamente. As dúas actuacións afectarán tamén á travesía do Progreso, rúa San Pablo e rúa San Pedro.

As obras, no caso da Rolda da Coruña, tentan reformar e poñer en valor o tramo que vai desde a citada rolda e rúa Convento, e deste xeito continuar as melloras levadas a cabo no casco histórico. O obxectivo desta actuación é acondicionar o Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano, a rexeneración ambiental e humanización, a accesibilidade e a mellora da seguridade viaria, ordenando o tráfico rodado de cara a futura peonalización desta. Para isto, renovaranse os pavimentos, a rede de saneamento, a subministración de auga, a iluminación, o mobiliario urbano e o axardinado.

A rúa Convento, pola que pasa o Camiño de Santiago, é paralela a estrada autonómica AC-840. Con respecto a esta rúa, ampliarase a beirarrúa cara a estrada autonómica o que poñerá en valor como elemento central a fonte do cruce. No tramo que vai desde a rúa Progreso e San Pedro restrinxirase o aparcamento e o tráfico, unicamente con posibilidade de acceso a garaxes. Unha vez rematada a obra, peóns e vehículos compartirán a vía que vai desde a rúa San Pedro cara a praza do Convento. Neste caso, aproveitarase para rexenerar o axardinamento mantendo as especies vexetais de interese como o magnolio e con novas plantacións. Canto á travesía do Progreso tamén se propón a renovación de pavimentos, ordenación do tráfico, rexeneración ambiental, e a mellora do mobiliario urbano.

Con esta actuación melloraranse as infraestruturas do Concello de Melide, humanizando un espazo moi transitado e que redundará no beneficio da veciñanza á hora de realizar os seus desprazamentos diarios.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X