A Deputación pon en valor a figura de María Antonia Dans na inauguración da súa Casa Museo, no Concello de Curtis
A institución provincial colaborou na adquisición do inmoble e nas primeiras obras de rehabilitación
O deputado provincial José Ramón Rioboo asistiu esta tarde á inauguración da Casa Museo de María Antonia Dans, no Concello de Curtis.
Ao acto asistiron, ademais, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos.
Rioboo subliñou que "a súa traxectoria e o seu amor por unha Galicia omnipresente na súa obra merecen un espazo como este: rehabilitado, pensado e minuciosamente deseñado para gozar en plenitude da súa obra. O lugar onde todo empezou, onde forxou a súa vocación e o seu gran talento artístico"
O deputado quixo engadir que "Dans era unha adiantada ao seu tempo, e tamén por iso é tan loable o seu traballo, xa que expresa as dificultades polas que pasaban miles de galegas e reivindica unha loita polos dereitos civís das mulleres que non estaba tan vixente no século pasado".
As actuacións realizadas para poñer en marcha este proxecto contaron cun orzamento de case medio millón de euros, nos que a Deputación da Coruña colaborou na adquisición do inmoble e nas primeiras obras de rehabilitación, que agora se completan a través da musealización desta casa, que garda un gran respecto co pasado e a historia que alí se gardan.
Trátase da primeira Casa Museo dunha pintora en Galicia, que conta xa con tres edificios: a casa, o estudo onde pintaba e un inmoble intermedio que albergará exposicións doutros artistas. As instalacións contarán tamén cunha mostra permanente da artista con fondos do Concello de Curtis, doazóns e obras cedidas por particulares.
María Antonia Dans é todo un referente no neoexpresionismo do século XX, onde destacan as súas paisaxes, nas que o rural xoga un papel fundamental. É, ademais, unha das grandes artistas galegas das últimas décadas, sempre cunha visión comprometida á hora de derrubar muros en materia de desigualdade. Nas súas obras sempre reflectía o retrato da Galicia rural da súa época a través dun traballo minucioso e descritivo.