Estás en:Emprego Novas

Cultura da Deputación programa catro espectáculos para celebrar o Día Mundial do Teatro

Serán dez funcións de balde, que chegarán a nove localidades da provincia: "Cancións amarelas, flores tristes", da compañía Manekineko, en Carballo, Rianxo e Betanzos; "Papagena", de ButacaZero, en Padrón e na Coruña; "As alumnas", de Culturactiva producións, na Coruña, e "Boa sorte, mala fama", de Tarabela Creativa, en Ares, Laxe, Cerceda e Santiso

A programación dos espectáculos comezará o xoves 21 de marzo en Carballo e rematará o 7 de abril en Santiso

Cultura da Deputación programa catro espectáculos para celebrar o Día Mundial do Teatro

A área de Cultura da Deputación da Coruña volver ofrecer este ano unha interesante programación co gallo do Día Mundial do Teatro, que se celebrará o 27 de marzo. Entre o 21 deste mes e o 7 de abril catro espectáculos chegarán, en dez funcións gratuítas, a nove teatros da provincia: "Cancións amarelas, flores tristes", da compañía Manekineko, poderá verse no Pazo da Cultura de Carballo (21 de marzo), no Auditorio de Rianxo (23 de marzo) e na Aula de Cultura Xulio Cuns, de Betanzos (6 de abril); "Papagena", de ButacaZero, no Auditorio Municipal de Padrón (26 de marzo) e no Teatro Colón, da Coruña (27 de marzo); "As alumnas", de Culturactiva Producións, tamén no Teatro Colón (30 de marzo); e "Boa sorte, mala fama", de Tarabela Creativa, no CIRS de Ares (26 de marzo), no Salón de Actos Culturais de Laxe (27 de marzo), no Auditorio Municipal de Cerceda (31 de marzo) e na Casa da Cultura de Visantiño, en Santiso (7 de abril).

"As artes escénicas", valorou a deputada de Cultura, Natividade González, "ocupan un lugar destacado na programación propia do noso departamento durante todo o ano que reflicte a importancia do sector na cultura xa non da provincia, senón de todo o país; e non podía ser menos nunha data tan sinalada coma o Día Mundial do Teatro". "Nesta ocasión seleccionamos catro propostas que ofrecen miradas diferentes, desde a humor, o drama, a comedia ou a música, a temas que nos atinxen a todos e sobre os que cómpre reflexionar: a loita contra o sexismo, a educación ou a emigración.

As entradas para todas as funcións son de balde e algunhas xa se poden reservar por adiantado: as do Teatro Colón, na web de Ataquilla; as do Pazo da Cultura de Carballo, na billeteira do Pazo, de 18 a 20 horas; e as do Auditorio de Rianxo, no 981 100 688 ou no formulario desta ligazón.

Os espectáculos
"Cancións amarelas, flores tristes". A compañía Manekineko convídanos a compartir con María Costas, María de las Llanderas, Nacho Castaño e Fran Nogueira, catro persoas aparentemente moi diferentes, unha madrugada de karaoke. Dirixidos por Nerea Brey, con texto de Ernesto Is, escenografía e iluminación de Beatriz de Vega, e vestiario de Javier Lojo, en Cancións amarelas, flores tristes a música e o alcohol mestúranse cos medos e cos problemas que levan a eses personaxes a refuxiarse neste lugar, onde constrúen os seus propios paraísos artificiais.

"Papagena". Unha soprano (Esperanza Mara), un barítono (Jacobo Rubianes Castelo) e un músico en escena (o propio compositor, Iago Hermo) son os piares da ópera electrónica "Papagena", producida por ButacaZero. Nacida da figura da personaxe homónima da Frauta Máxicade Wolfgang Amadeus Mozart analiza e reescribe este personaxe dende unha mirada actual, poñendo o foco nun dos maiores procesos de avance político e social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo.

"As alumnas", de Culturactiva Producións, é un espectáculo para público adulto dirixido por Fina Calleja, con texto de Paula Carballeira e con Anabell Gago e Mónica Camaño no elenco. Trata a figura da pedagoga galega María Barbeito e de como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra.

"Boa sorte, mala fama", de Carmen Conde, un proxecto retrospectivo de Tarabela Creativa que culmina nesta traxicomedia na que se traza un paralelismo entre as anduriñas e os emigrantes galegos: elas, aves de bo agoiro pero tamén molestas para moita xente polo seu canto agudo e os seus excrementos; eles, presentes en cada continente pero co camiño de volta a casa na cabeza. Igual que as anduriñas, gañaron mala fama aló onde foron buscar a boa sorte.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X