Estás en:Emprego Novas

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila e Laura Martínez Mateo son as persoas seleccionadas para as residencias na modalidade de literatura, e Carmen Marina Vidal Valiña para a de pensamento

Un xurado conformado pola poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sande, seleccionou estas catro propostas que desenvolverán as súas estadías en Mariñán do 15 ao 26 de abril

Seleccionados os catro proxectos para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son as persoas seleccionadas para participar nesta segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento. Así o decidiu o xurado, composto pola poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sández, coa deputada de cultura Natividade González como presidenta e a xefa de sección de cultura Manuela Muñiz como secretaria, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.

A deputada de cultura, Natividade González, valorou moi positivamente as propostas seleccionadas, "que abordan cuestións tan esenciais como, entre outras, a nosa identidade, a nosa memoria colectiva, a nosa historia contemporánea e a nosa contorna, dende o orgullo, o compromiso e a reflexión." Ademais, lembrou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas de apoio aos procesos de creación, "dende as administracións públicas debemos apoiar aos creadores e creadoras non so nos resultados das súas obras, senon tamén durante a súa creación, ofrecéndolles ferramentas e recursos que lles permitan desenvolver os seus proxectos. Ese é o obxectivo destas Residencias".

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña desenvolverán os seus proxectos literarios e de pensamento no Pazo de Mariñán do 15 ao 26 de abril onde convivirán, ademais, cos artistas das Residencias Mariñán de Música, e tamén recibirán a visita de dúas figuras consagradas no mundo das letras e do pensamento como son a poeta Chus Pato e o poeta e marrador Ismael Ramos.

A posta en marcha desta segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán reforza o compromiso de Cultura da Deputación de incrementar a súa liña de apoio á creación, complementando outras iniciativas como as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas. Concretamente no eido da literatura, son cinco as convocatorias: o Premio Torrente Ballester de narrativa, en linguas galega e castelán, o Premio González Garcés de poesía, o Premio Rafael Dieste para textos teatrais, o Premio Manuel Murguía de ensaio, e o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

Propostas seleccionadas

Literatura
Francisco Rodríguez Casal – Do outro lado. Bebendo dun proceso creativo que integra a comunidade a través de testemuñas corais, "Do outro lado" é un proxecto de escrita de obra de teatro sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural galego a partir de acontecementos ocorridos na aldea do autor. O xurado salientou que está formulado dun xeito suxestivo, interesante e a liña artística resulta potente.

Esperanza mariño Davila – Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras. A proposta ensaística é de interese, segundo o xurado, por afondar na faceta literaria e de tradución dunha figura clave na historia contemporánea de Galicia, Xosé Manuel Beiras.

Laura Martínez Mateo – A identidade agochada. Coa proposta deste poemario que demostra as diferentes vías de acceso á idea de identidade, o xurado quere incentivar a solidez do compromiso co que esta neofalante decidiu facer da cultura galega a súa propia.

Pensamento
Carmen Marina Vidal Valiña – Recuperando a memoria das "tolas" galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas. A partir do estudo das historias clínicas de mulleres no manicomio de Conxo, proponse a recuperación da memoria das "tolas galegas". O xurado valorou a recuperación da memoria dun sector de mulleres excluídas, precisamente cando nos motivos da súa exclusión se deron nesgos de xénero tan encardinados nun momento histórico. A proposta é de oito interese e atópase en liña coa traxectoria da autora.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X