Estás en:Emprego Novas

A Deputación prevé asinar o mes que vén o contrato para a ampliación e mellora da DP-8202 en Cacheiras

O presidente provincial, Valentín González Formoso, analizou coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, un proxecto que afecta ao último tramo da estrada de Galanas a Cacheiras, o máis próximo á rotonda da AC-841

As obras, cun orzamento de licitación de 561.215,62 euros e un prazo de execución de oito meses, servirán para crear unha variante e salvar a travesía do núcleo da Igrexa, con que se mellorará a seguridade viaria

A Deputación prevé asinar o mes que vén o contrato para a ampliación e mellora da DP-8202 en Cacheiras

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, mantiveron un encontro durante o que ambos analizaron o proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP-8202 en Cacheiras, entre os puntos quilométricos 3+500 e 4+240. Co proceso de licitación próximo á súa finalización, está previsto que o contrato coa adxudicataria da execución das obras se poida formalizar o mes que vén.

Tal como explicou o presidente, a construción dunha variante entre os puntos quilométricos vai evitar o paso da maior parte do tráfico polo núcleo da Igrexa, unha zona onde a vía actual é estreita e perigosa, e "mellorar significativamente a seguridade viaria nunha zona na que era moi necesario".

A ampliación e mellora da DP-8202 conta cun importe de licitación de 561.215,62 euros e un prazo de execución é de 8 meses. As obras consistirán na creación dunha nova plataforma para a variante, do punto quilométrico 3+50 ao 4+040, e na mellora da actual onde o trazado coincide co actual. Acadarase un ancho de 9 metros, dos que 7 se destinarán á calzada e os outros 2 a beiravías (1 metro a cada lado).

Construiranse firmes flexibles de 46 centímetros de espesor, formados por unha capa de cascallo artificial tipo ZA 0/32 de 25 centímetros, outra de macadam bituminoso tipo M-2 de 15 centímetros, unha regadura asfáltica superficial e unha capa de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 SURF 50/70 de seis centímetros de espesor. Nas zonas onde as que o firme se apoia no existente, realizarase un reforzo cun espesor mínimo de 6 centímetros.

As drenaxes lonxitudinais solucionaranse mediante gabias tipo V de 1,2 metros de ancho e 40 centímetros de profundidade. Nas proximidades das drenaxes transversais, as cunetas revestiranse con formigón. En canto ás anteditas drenaxes transversais, executaranse con tubos de formigón con diámetros de 600 de 800 milímetros.

En canto á sinalización, a horizontal está prevista con marcas viarias de pintura branca reflexiva no eixo e nos bordos da calzada. Para a vertical, instalaranse sinais reflexivos. Tamén se contempla a colocación de barreiras de seguridade tipo bionda nos terrapléns de altura superior a 3 metros.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X