Estás en:Emprego Novas

A Deputación mellora a seguridade do acceso a San Andrés de Teixido coa execución dunha variante para eliminar a curva do Rego de Tide, en Cedeira

As obras, cun investimento de 394.122 euros, eliminan a curva perigosa que xeraba problemas no acceso de autobuses e vehículos pesados ao santuario
Os traballos, que estarán rematados este verán, amplían a sección da estrada e incrementan notablemente a visibilidade e a seguridade na zona

A Deputación mellora a seguridade do acceso a San Andrés de Teixido coa execución dunha variante para eliminar a curva do Rego de Tide, en Cedeira

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, supervisou hoxe acompañado da deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e do alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, as obras de mellora da seguridade viaria da estrada DP 2206, na zona do Rego de Tide, nas que a institución provincial inviste 394.122 euros.

Trátase dun vial moi transitado, tanto pola veciñanza como polos visitantes, xa que por ela circulan os vehículos que van a San Andrés de Teixido, un lugar turístico moi concorrido, que ao longo do ano recibe un gran número de autobuses, que debían transitar pola zona da vaguada do Rego de Tide a unha velocidade limitada a 30 km/h por unha curva de radio moi reducido, que apenas permite o cruzamento de dous vehículos en condicións de seguridade.

Para rematar con este problema, as obras que se están executando entre os puntos quilométricos 0+920 e 1+220, eliminan esta curva perigosa e habilitan unha variante cun novo trazado, ao sur do actual, que discorre en terraplén con curvas amplas de 120 e 200 metros de radio e velocidades de deseño para circular con seguridade a 80 km/h.

O proxecto inclúe a canalización do rego cun marco prefabricado de formigón armado de 2x 2 metros para dar continuidade ao regato ao longo dos 42 metros que ocupa a base do terraplén.

Formoso explicou que a obra suporá "unha importante mellora da seguridade na zona e no acceso a San Andrés de Teixido", facilitando a circulación dos numerosos vehículos de veciños que discorren por ela a diario e tamén dos autobuses turísticos que recibe, sobre todo na época estival. "Agardamos que as obras estean rematadas este mesmo verán, que é cando se produce unha maior afluencia de visitantes", afirmou o presidente, que destacou que se trata dunha actuación "moi necesaria".

O presidente destacou tamén que a Deputación vén de aprobar esta mesma semana o seu Plan Estratéxico de Estradas 2024-2029, co que pretende "planificar, racionalizar e modernizar" a xestión da súa ampla rede de estradas provincial, que conta con case 2.100 quilómetros, "con actuacións coma esta, que elimina un punto perigoso e garante unha circulación máis segura".

Pola súa banda, o alcalde, Pablo Moreda, destacou que as obras son "moi necesarias e moi demandadas pola veciñanza, e cobran máis importancia na actualidade, logo de ser xa declarados como Xeoparque por parte da Unesco, co potencial turístico que iso conleva".

O rexedor sinalou que "os investimentos da Deputación para a mellora de infraestruturas están a ser moi importantes para Cedeira, con investimentos como a mellora do saneamento na zona rural, a creación de sendas e beirarrúas ou como ou ae renovación do chan do pavillón polideportivo".

A Deputación concedeulle ao Concello de Cedeira unha subvención de carácter nominativo por valor de 187.000 euros para mellorar as instalacións a través de renovación da súa pista. Na actualidade utilizan a diario esta infraestrutura 10 clubs do municipio e utilízano máis de 400 deportistas cada día.

Plan Único 6 millóns e 36 obras no municipio

Durante a súa visita a Cedeira, Formoso e o alcalde cedeirense tamén se achegaron a comprobar de primeira man o resultado dunha das obras financiadas polo Plan Único no municipio: a creación da senda peonil e a renovación da calzada de Cordobelas, que supuxo un investimento de 81.000 euros.

A actuación consistiu na ampliación das beiravías existentes nunha estrada de titularidade municipal da parroquia de San Fiz que conecta coa estrada AC-566 á altura do PQ 28+190. A situación resolveouse ampliando as beiravías existentes, acadando un ancho de 4 metros e unha senda peonil e 1 metro, caracterizada por un pavimento de formigón armado en cor, de xeito que a plataforma poida ser usada por peóns e por vehículos, puntualmente, no caso de que se produza un cruce de vehículos con seguridade.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X