Formoso subliña a importancia do cooperativismo como ferramenta de desenvolvemento rural na súa visita a El Plantel, en Paderne
O presidente provincial e o alcalde de Paderne, Sergio Platas, visitaron esta mañá a cooperativa El Plantel Comarcal de Betanzos, que agrupa a 70 socios e socias e da servizo a 170 pequenas explotacións agrogandeiras da comarca
A cooperativa contou con axudas do PEL para a contratación de persoal, das que se beneficiaron o ano pasado 91 persoas na comarca da Coruña
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde de Paderne, Sergio Platas, e das deputadas de Vías e Obras e Emprego, Mónica Rodríguez e Rosa Ana García, visitou esta mañá a cooperativa El Plantel Comarcal de Betanzos, onde foi recibido polo presidente da entidade, Juan Novo Novo, e a xerente, Carmen García e máis dunha decena de socios e membros da xunta directiva, que explicaron a actividade da empresa.
Fundada en 1974, El Plantel Comarcal agrupa actualmente a 70 socias e socios e da servizo a 170 pequenas explotacións agrogandeiras da comarca, centrando a súa actividade na fabricación de pensos e abonos, almacén agrícola, venda de combustible, servizos veterinarios e no apoio técnico aos agricultores, xa que contan cun técnico agrícola que asesora e programa os cultivos dos socios, que tamén reciben apoio para a venda e comercialización dos mesmos.
"Son produtos locais de cercanía e de gran calidade. Estas leitugas foron recollidas onte e hoxe están listas para estar na mesa", afirmou unha das integrantes da cooperativa durante a visita ás instalacións na que explicou que "estes produtos producidos nas hortas da comarca son despois distribuídos a pequenas tendas de Betanzos, Sada ou Miño".
As responsables da cooperativa explicaron tamén que manteñen acordos con outras para intercambiar produtos, como a cooperativa Agroflor: "Vendemos pementos do Couto e eles tomates de aquí", explicaron, ao tempo que recoñeceron que o relevo xeracional é un dos principais hándicaps.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou "a importancia que cooperativas como El Plantel Comarcal teñen como ferramenta para o desenvolvemento do rural, para ofrecer servizos e axudar a fixar de poboación".
"Desde a Deputación apoiamos este tipo de iniciativas e coincidimos cos seus socios e socias en que é importante facer visible que se pode vivir do campo e que as novas xeracións vexan tamén oportunidades no rural", afirmou o presidente, que destacou que "a unión destes produtores locais é a súa forza, ademáis dun produto excelente e de cercanía que chega das hortas ás nosas casas en apenas unhas horas", afirmou.
Varios dos socios plantexaron tamén ao presidente a posibilidade de ampliar a estrada que dá acceso á cooperativa, que se queda pequena debido ao paso continuo de vehículos pesados, un asunto que Formoso se comprometeu a estudar en colaboración co goberno local de Sergio Platas.
Axudas PEL para a contratación de persoal
El Plantel contou o ano pasado co apoio do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña para a contratación dun conductor dos camións que transportan os pensos.
Foi unha das 91 persoas contratadas en pequenas empresas na comarca da Coruña ao abeiro do programa PEL-PEMES para contratación de persoal, que beneficiou a un total de 544 persoas en situación de desemprego nos concellos da provincia.