Estás en:Emprego Novas

Formoso visita a Escola de Basket Xiria de Carballo

O presidente felicitou os responsables do club pola permanencia do primeiro equipo na Liga EBA e destacou "o gran traballo realizado nas escolas de baloncesto nas que adestran e compiten máis de 120 rapaces e rapazas"

A Deputación destina este ano 1 millón de euros para apoiar a 128 clubs da provincia que participan en competicións nacionais e internacionais

Formoso visita a Escola de Basket Xiria de Carballo

. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e do deputado de Deportes, Antonio Leira, asistiu hoxe no pavillón polideportivo Vila de Noia aos adestramentos das diferentes categorías da Escola de Basket Xiria da localidade.

Formoso felicitou o presidente do Club, Primitivo Reguera, pola permanencia, por noveno ano consecutivo, do primeiro equipo, Calvo Basket Xiria, na Liga EBA, conseguida a pasada semana tras a súa vitoria en Culleredo, e destacou "o gran traballo de promoción do baloncesto que se realiza na Escola de Basket Xiria, na que adestran e compiten 120 rapaces e rapazas en diferentes categorías".

"Xiria é un gran exemplo da importancia de promover o deporte desde a base para chegar ao máis alto. Por iso para a Deputación da Coruña é un orgullo poder colaborar con eles no mantemento das súas actividades, que tamén inclúen numerosas accións e colaboracións no ámbito social con entidades da comarca", afirmou o presidente.

Un millón de euros para apoiar a 128 clubs da provincia

A Deputación da Coruña vén de conceder a súa liña de subvencións para apoiar aos clubs deportivos e deportistas da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional.

Unhas axudas por importe de 1.012.078 euros que este ano chegan a a un total de 128 clubs coruñeses masculinos e femininos de todas as especialidades deportivas (fútbol, baloncesto, atletismo, balonmán, rugby, natación, piragüismo, remo, ciclismo, voleibol, hóckey, ximnasia, judo, taekwondo...) que participan en competicións deportivas do máis alto nivel.

Entre as subvencións de maior importe destacan a da Escola Basket Xiria eo Club de Baloncesto Culleredo, con 30.685 euros para apoiar a cada unha destas entidades na súa participación na Liga EBA.

O deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, destacou a "importante contribución deste programa para apoiar os principais equipos do deporte coruñés e situalos á vangarda do deporte nacional".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X