A Deputación volve apoiar o Carballo Interplay, que hoxe arrancou cunha programación centrada nos proxectos dixitais galegos
Na inauguración desta mañá, Natividade González e Xosé Regueira salientaron a relevancia do festival, "un espazo para a reflexión e para a liberdade que se fai desde o respecto á diversidade", en palabras do vicepresidente
Esta mañá comezou, na súa nova sede do Mercado Municipal, a undécima edición do Carballo Interplay, festival de webseries pioneiro en España en 2014 e agora cita de referencia para as creadoras e creadores de contidos dixitais de todo o Estado. O programa, ata o domingo, volverá poñer o foco nas novas linguaxes, propostas e xeitos de entender a narración e a cultura audiovisual en relación coa rede.
Organizado polo Concello de Carballo e Carballo Turismo, con dirección e produción de Cósmica Producións, o Interplay contará, un ano máis, co apoio da Deputación da Coruña, representada hoxe na inauguración pola deputada de Cultura, Natividade González, e polo vicepresidente, Xosé Regueira, máximo valedor institucional do festival desde o seu nacemento. González e Regueira estiveron acompañados polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; polo director da AGADIC, Jacobo Sutil, e polas directoras do Interplay, Sonia Méndez e Andrea Villa.
A deputada de Cultura comezou a súa intervención salientando a importancia do festival: "O Interplay para min é un referente que traspasa as fronteiras de Carballo, aposta pola innovación e apoia a creación audiovisual en galego, como demostra o premio a Mellor Contido Dixital Galego, novo nesta edición na que estou segura da excelencia da súa programación". "Para min", engadiu, "é un inmenso pracer estar hoxe aquí como deputada e para o noso departamento e para toda a Deputación é unha obriga colaborar con este tipo de proxectos. As administracións poñemos todos os recursos económicos, pero eses recursos económicos hainos que traducir en fitos coma este, que son de certo excepcionais e únicos".
González deulle os parabéns a Regueira, quen apostou polo proxecto e se implicou no festival desde o seu nacemento: "É de moito mérito sacar adiante proxectos, sobre todo no audiovisual, que son moi difíciles de visibilizar". A deputada estendeu as felicitacións ao Concello de Carballo e á organización do festival.
Regueira tamén gabou o traballo do Concello de Carballo e das directoras do festival, Sonia Méndez e Andrea Villa, "sen quen non sería posible o cartelón do que gozaremos estes días: levan facendo once anos a milagre de traer a Carballo todo o bo que está pasando na internet e no mundo das webseries".
Para o vicepresidente, "o festival non é un festival calquera; o Interplay é moito máis ca un festival de contidos dixitais, de internet ou de webseries: é un espazo para a reflexión e para a liberdade e que se fai desde o respecto á diversidade; neste festival pasan moitas cousas e de todas esas cousas se aprende. Esa é a grandeza do Interplay: o respecto e o respecto á diversidade".
Rematou Regueira a súa intervención cunha lembranza de dous nomes moi vinculados ao festival, xa falecidos: Pedro Brandariz e Miguel López, El Hematrocrítico, "dúas persoas que sempre estaban aí e que por desgraza agora nos faltan".
Durante catro días, o Interplay presentará unha programación, toda de balde, centrada nos proxectos dixitais galegos que incluirá, ademais da competición internacional de webseries, unha videoregueifa entre Malva e Sara Seco, dúas das creadoras de contido en redes máis populares da escena galega; o primeiro directo con público do videopodcast galego 'Exército Mekemeke'; 'Pestiscos no Derby', un show especial preparado para o festival polo podcast Café Derby 21; mesas redondas sobre activismo e política; comedia en vivo con Xavi Daura; obradoiros de creación dixital; o 'Código fonte', que este ano xuntará a Carolina Iglesias e a Laura Márquez; o podcast 'Maldito Bollodrama', por primeira vez en Galicia; e música: a do 'karaoke' de Esteban, o sábado pola noite, e a sesión vermú do domingo, con Salicrunette DJ. Tamén é novidade a creación do premio a Mellor Contido Dixital Galego, con dúas categorías dotadas con 600 euros: mellor creador ou creadora e mellor canle.