Estás en:Emprego Novas

A Deputación leva ‘A provincia que sabe’ ao Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra do 7 ao 9 de abril na Coruña

A institución provincial contará cun stand propio protagonizado por produtores locais e cociñeiros da provincia, no que se desenvolverán showcookings, mostras de produtos e presentacións, entre outras actividades
Recoñecidos chefs de toda a provincia de restaurantes como A Hora do Obradoiro, A Tafona, Ardora, Carrumeiro, Albatros, Espazo Abella ou O Lambón elaborarán diferentes receitas a base de produtos locais
O domingo ás 11:30h inaugúrase o Galicia Fórum Gastronómico nun acto que contará coa participación do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira

A Deputación leva ‘A provincia que sabe’ ao Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra do 7 ao 9 de abril na Coruña

A Deputación da Coruña estará presente de novo no Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra na cidade da Coruña do 7 ao 9 de abril no recinto ferial de Expocoruña, onde presentará a súa campaña turística e gastronómica "A provincia que sabe", que identifica a excelencia da cadea agroalimentaria de todos os recunchos da provincia. O domingo 7 ás 11:30h celebrarase o acto inaugural, no que participará o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Durante os tres días que dura o Galicia Fórum Gastronómico a área de turismo provincial ofrece unha programación protagonizada por produtores e produtoras locais, e chefs de referencia da provincia: mostras de produtos, degustacións, vermús, catas, presentacións e showcookings son algunhas das actividades que se levarán a cabo no stand da Deputación, que darán a coñecer ao público a gran diversidade gastronómica que hai ao longo da provincia.

A Deputación aportará ao evento a presenza de chefs e restaurantes de toda a provincia, que deleitarán ao público cos seus showcookings: O restaurante A Horta do Obradoiro (Santiago de Compostela) con Kike Piñeiro e Eloy Cancela; A Tafona (Santiago de Compostela) con Lucía Freitas; o Restaurante Mar de Ardora (Cabana de Bergantiños) con Marisol Martínez Mato; O restaurante Carrumeiro (Corcubión) con Rafael Fuentes; o restaurante Albatros (Outes) con Manuel Neiro; o restaurante Espazo Abella (Santiago De Compostela) con André Arzúa; a taberna O Lambón (Carballo) con Xusto Posse e Marcos Silva; e Xearte Brigitte, con Bríxida Hermida (xeadeira).

Ademais, o stand da entidade provincial será unha posta en valor dos produtos locais galegos, contando con diversos produtores como é o caso de Choiva Viños (A Coruña), Bodegas Lodeiros (Santiago de Compostela), Apia Natura (Oza-Cesuras), A Despensa D'Lujo (Coristanco), Cafés Lúa (Carballo), Casa da Avoa (Outes), Pandejuevo (Cee) e Xearte Brigitte (Santiago de Compostela).

Unha vez máis, a área de turismo da Deputación da Coruña exhibirá os saberes e sabores da provincia, a través de "A Provincia que sabe", no Galicia Fórum Gastronómico: o maior evento gastronómico profesional do norte de España. Desde o seu nacemento, no ano 2008, converteuse nunha plataforma de lanzamento e promoción do talento dos mellores cociñeiros galegos, ademais de ser un foro de formación e renovación culinaria.

Durante a súa celebración atrae á provincia numerosos visitantes chegados desde distintas partes do país, con máis de 22.000 visitantes, 200 expositores e máis de 30 estrelas Michelín.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X