Preto de 2.100 corredores participan este sábado na segunda edición de Os 10.000 peregrinos da Deputación da Coruña
Participan atletas de primeiro nivel como Carlos Mayo, Rodrigue Kwizera, Ester Navarrete ou Alice Finot
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, participarán ás 20.30 horas na entrega de premios na Praza do Obradoiro
Un total de 2.098 persoas están inscritas para tomar a saída mañá sábado, 6 de abril, en Santiago na segunda edición da carreira Os 10.000 peregrinos, que organiza a Deputación da Coruña coa colaboración coa Federación Galega de Atletismo e o Concello de Santiago.
A proba, que conta con tres distancias diferentes e unha andaina, pretende ser unha festa do atletismo e do deporte galego, reunindo a corredores de primeiro nivel mundial, xunto con afeccionados ao deporte de todas as idades.
Na categoría masculina está confirmada a presenza de atletas de primeiro nivel como Carlos Mayo, Rodrigue Kwizera, Abde Oukhelfen, Nicolás Cuestas, Joseph Koech, Miguel Marques ou Julius Tarus.
Pola súa banda, en categoría feminina, teñen dorsal figuras tan importantes como Ester Navarrete, Alice Finot, Rita Jeptoo, Mari Luz Tesuri, Himi Lamyae, Susana Godinho ou Sara Ribeiro.
O presidente provincial, Valentín González Formoso sinalou que, tras o éxito da primeira edición celebrada o ano pasado esta carreira "pretende consolidarse como unha competición de referencia en todo o territorio español, á vez que se converte nunha festa do deporte galego, atraendo a Santiago a milleiros de afeccionados a este deporte".
"Os 10.000 peregrinos é todo un exemplo do traballo que está a desempeñar a Deputación da Coruña á hora de traballar na promoción do deporte e os hábitos de vida saudables entre a poboación", engadiu.
Tanto o presidente como o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, participarán na entrega de premios posterior á carreira, que terá lugar ás 20.30 horas de mañá sábado na Praza do Obradoiro.