Estás en:Emprego Novas

Regueira salienta na inauguración do Galicia Fórum Gastronómico a calidade e o potencial da gastronomía da provincia

O Galicia Fórum Gastronómico, que comezou esta mañá en Expocoruña, prolongarase ata o martes 9
A Deputación da Coruña colabora con este evento gastronómico cun posto propio no que se desenvolve unha intensa programación protagonizada por recoñecidos chefs da provincia e produtores locais
"A calidade da nosa gastronomía contribúe a posicionarnos con máis forza no mercado do turismo internacional", salientou o vicepresidente durante o acto inaugural

Regueira salienta na inauguración do Galicia Fórum Gastronómico a calidade e o potencial da gastronomía da provincia

O recinto feiral de Expocoruña acolleu esta mañá a inauguración do Galicia Fórum Gastronómico, que conta co apoio da Deputación da Coruña, onde participou o deputado de turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira. A área de turismo da institución provincial está presente neste evento que se celebra ata o próximo martes 9, cun posto propio no que se desenvolven diferentes actividades protagonizadas por recoñecidos chefs da provincia e produtores e produtoras locais.

Regueira salientou durante a inauguración do foro o potencial da gastronomía da provincia da Coruña, "cunha calidade capaz de posicionarnos no mercado do turismo nacional e internacional". O vicepresidente apuntou tamén a necesidade de "buscar un perfil de turista que valore, por riba de todo, esta calidade". Neste sentido, destacou que "o Galicia Fórum Gastronómico é o mellor escaparate para amosar ao mundo a nosa identidade, a nosa diversidade, a nosa excelente materia prima e o noso bo facer: todo iso é a nosa mellor marca".

Ademais, Regueira defendeu que "debemos apostar por unha estratexia turística sostible non só dende un punto de vista medioambiental senón tamén económico e social, e a nosa gastronomía, captadora dun turismo de calidade, é fundamental para acadar este obxectivo".

O posto da Deputación da Coruña conta, así, cunha intensa programación con diferentes actividades para poñer en valor a materia prima local e a restauración da provincia: showcookings, presentacións, degustacións e catas da man de produtores e cociñeiros e cociñeiras de primeiro nivel que representan á perfección a calidade e a diversidade de "A provincia que sabe", a campaña turística e gastronómica da entidade provincial.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X