Estás en:Emprego Novas

A itinerancia da exposición do XVIII Certame Isaac Díaz Pardo comezará o 9 de maio na Pobra do Caramiñal

A mostra chegará este ano a outras nove localidades da provincia: Ames, Narón, Ortigueira, Culleredo, Noia, Outes, Ribeira, Porto do Son e Cee

Inclúe a obra gañadora de 2023, erre melón, de Berio Molina; once máis que participaron no certame e foron adquiridas para formar parte da colección da Deputación, e cinco seleccionadas polo xurado para completar a exposición

A itinerancia da exposición do XVIII Certame Isaac Díaz Pardo comezará o 9 de maio na Pobra do Caramiñal

A exposición do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo poderá verse ao longo deste ano en dez localidades da provincia. Chegará á Casa da Cultura da Pobra do Caramiñal o 9 de maio, onde estará aberta ata o 28 dese mes. Logo fará parada na Casa da Cultura do Milladoiro (do 30 de maio ao 18 de xuño), no Pazo da Cultura de Narón (do 20 de xuño ao 9 de xullo), no Claustro do Concello de Ortigueira (do 1 ao 20 de agosto), na Aula da Natureza de Culleredo (do 22 de agosto ao 10 de setembro), no Casino de Noia (do 12 de setembro ao 1 de outubro), na Casa da Cultura de Outes (do 3 ao 22 de outubro), no Centro Lustres Rivas de Ribeira (do 24 de outubro ao 12 de novembro), na Casa da Cultura de Porto do Son (do 14 de novembro ao 3 de decembro) e na Casa da Cultura de Cee (do 4 ao 19 de decembro).

A mostra exhibirá a obra gañadora do certame, erre melón, de Berio Molina, e estoutras once que concursaron e foron adquiridas para formar parte da colección da Deputación:

  • Autorretrato, de Enrique Lista.
  • Man under the shade, de Damián Ucieda Cortés.
  • #3, da serie Himno, de Juan López.
  • Escrito en las hojas, 11, de Verónica Vicente.
  • Testigos de confianza, de Rebeca Lar.
  • Historioporosis, de María X. Fernández.
  • Non só animal, de Alejandra Pombo Su.
  • Grafito sobre papel (II), de Cillas Rodríguez Bernal.
  • Horizonte/f3, de Juan Lesta.
  • Pulsaciones II (fragmentos 61, 62 e 63), de Ana Gesto.
  • Banle#03#, paisaxe tipográfico, de Andrés Dearca.

A exposición inclúe, ademais, outras cinco obras seleccionadas polo xurado:

  • Libri Consolationis as Patrem Meum, de Ana Pillado Vega.
  • Sin título. Da serie Deseños expandidos, de Héctor Francesch.
  • Plena, de Andrea Costas.
  • [Drawing Machine] [...] with the Sound of its Own Making, de Marco Costa Moreira.
  • Tengo un sofá amarillo (que es lo que se lleva ahora), de María Meijide.

O obxectivo deste certame de artes plásticas promovido pola área de cultura é potenciar a produción artística na nosa provincia, en homenaxe ao gran creador polifacético cuxo nome suxire a creatividade e a contemporaneidade de Galicia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X