Estás en:Emprego Novas

A Deputación adxudica por 694.957 euros as obras de mellora da DP-1603 ao seu paso pola Travesía de Ponte do Porto nos concellos de Camariñas e Vimianzo

As obras inclúen a construción de novas beirarrúas, firmes e a pavimentacións da estrada

A Deputación adxudica por 694.957 euros as obras de mellora da DP-1603 ao seu paso pola Travesía de Ponte do Porto nos concellos de Camariñas e Vimianzo

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 694.957,45 euros obras de acondicionamento da estrada DP-1603 ao seu paso pola Travesía de Ponte do Porto, nos concellos de Camariñas e Vimianzo. As obras comprenden unha lonxitude de 400 metros, entre os PQ 0.330 e PQ 0.740.

O contrato asinouse hoxe e prevese que os traballos comecen o vindeiro mes de maio. As obras contemplan a mellora da estrada DP-1603 ao seu paso pola travesía da Ponte do Porto, que actualmente conta cun amplo paseo, á beira da ría do Porto. As baldosas do paseo presentan un deterioro importante causado polo paso do tempo e igualmente o firme da estrada, que está irregular e desgastado.

A actuación prevista inclúe a demolición das beirarrúas e bordos existentes e unha nova distribución das zonas axardinadas para construír despois as novas beirarrúas mediante o emprego de formigón continuo. Na zona do paseo prevese a reposición cun firme de formigón impreso.

As obras contemplan tamén a reordenación da praza de San Roque coa colocación dun enlousado de pedra granítica abrindo a fonte e a praza ao seu contorno.Tanto a praza como a estrada contarán con nova rede de recollida de pluviais e drenaxe.

Renovaranse os farois por uns novos de características similares aos que se están renovando no municipio e disporanse luminarias empotradas no murete do paseo. Procederase tamén á restauración da varanda e á colocación de novo mobiliario urbano, con bancos de pedra granítica que permitan o descanso dos paseantes.

Todo isto redundará nunha mellora estética, de seguridade e accesibilidade na contorna da Ponte do Porto, segundo explicou a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, que detallou que as obras comezarán o vindeiro mes de maio e contan cun prazo de execución de 11 meses

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X