Éxito de participación na Ruta BTT dos encoros organizada pola Deputación
Máis de 200 ciclistas percorreron os 62 quilómetros da ruta na contorna dos encoros das Encrobas, Vilaselín e Beche
Máis de 200 ciclistas participaron hoxe na primeira edición da Ruta BTT dos Encoros, unha actividade deportiva organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña cun percorrido de 62 quilómetros a través dos concellos de Cerceda, Ordes, Carral e Abegondo.
No Campo do Roxo de Cerceda, o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, o alcalde da localidade, Juan Manuel Rodríguez, e o alcalde de Ordes, José Luís Martínez, foron os encargados de dar a saída á proba, cun itinerario circular con meta no mesmo punto que discorreu pola beira dos encoros das Encrobas, Vilasenín e Beche, nunha mañá solleira para gozar dun marco natural privilexiado.
Leira Piñeiro destacou o éxito de participación nesta primeira Ruta BTT dos Encoros, que completou as máis de 200 prazas dispoñibles en poucos días. "É a primeira ruta BTT que promove a Deputación, pero vemos que conta con moitos afeccionados e que xerou unha expectación moi importante entre eles, polo que seguiremos impulsando este deporte, xa que a provincia da Coruña conta con enclaves fantásticos para esta disciplina que combina deporte e natureza", afirmou o deputado de Deportes.