Estás en:Emprego Novas

LÍA, un proxecto educativo contra a LGBTIfobia que conta co apoio da Deputación da Coruña

Inclúe un vídeo de animación en galego e Talleres en Centros Educativos para Promover a Diversidade e a Inclusión


O proxecto desenvolvido por Promove foi seleccionado pola Deputación da Coruña na convocatoria do programa de subvencións destinado á produción de proxectos singulares de especial interese cultural na provincia da Coruña durante o ano 2023

LÍA, un proxecto educativo contra a LGBTIfobia que conta co apoio da Deputación da Coruña

Lía é un dos proxectos singulares de especial interese cultural da provincia da Coruña do ano 2023 que recibiu unha das subvencións para a súa produción, orientado á loita contra a LGBTIfobia e a promoción da diversidade e a inclusión nos nosos centros educativos. Co obxectivo de sensibilizar e fomentar o respecto e a tolerancia, lanzamos este proxecto audiovisual acompañado dunha unidade didáctica que aborda estas cuestións de maneira axeitada e pedagóxica.


O proxecto, que se está a desenvolver actualmente, é o resultado da colaboración entre diferentes organizacións activistas en temática LGBTIQ+ (Avante LGBT+, Amizando, ALAS A Coruña e Gotas) e centros educativos (CEIP Valdexería en Muros, CEIP Quiroga Palacios, CIFP Compostela, IES Lamas de Abade, IES de Sar, IES Xelmirez I en Santiago, e CIFP Leixa en Ferrol), ademais de contar coa colaboración da compañía de teatro Chévere a través da actriz Patricia de Lorenzo (voz narradora do vídeo) e o apoio da Deputación da Coruña. O propósito é crear unha ferramenta educativa que axude a promover unha cultura de respecto e empatía nos espazos educativos e na sociedade en xeral.


O corazón deste proxecto é un vídeo educativo que aborda como o reforzo dos roles e estereotipos de xénero ao longo da infancia pode promover actitudes e comportamentos LGBTIfóbicos e que se pode visualizar a través deste enlace.

Preténdese así sinalar que a violencia contra as persoas LGBTI non é o resultado dunha maldade inherente ás persoas senón dunha suma de condicionantes sociais e culturais de carácter patriarcal. Este vídeo será distribuído de balde a todos os centros educativos da nosa comunidade que o soliciten, coa finalidade de ser utilizado en actividades de sensibilización e debate.


Ademais do vídeo, tamén se organizan talleres interactivos nos centros educativos, nos que profesionais especializados en educación e diversidade imparten charlas e dinámicas participativas. Estes obradoiros ofrecen un espazo seguro e respectuoso para que o alumnado poida expresar as súas dúbidas e inquedanzas, así como para promover a reflexión crítica sobre a importancia do respecto á diversidade.


A través desta iniciativa, búscase non só sensibilizar ao alumnado, senón tamén empoderar ás comunidades educativas para que promovan unha cultura de respecto e inclusión en todos os ámbitos da vida escolar. As impulsoras do proxecto cren firmemente que a educación é a clave para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, na que todas as persoas se sintan respectadas e valoradas polo que son.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X