Estás en:Emprego Novas

O Plan Único da Deputación da Coruña inviste 100 millóns de euros nos concellos da provincia en 2024

Formoso destaca "o cambio revolucionario" que supuxo o POS+, multiplicando por tres o financiamento dos municipios en contraposición coa Xunta, cuxo Fondo de Cooperación Local leva unha década conxelado

Regueira puxo en valor o papel dos concellos, que "asumen cada vez máis competencias" e que enfrontan "grazas, en parte, a esta ferramenta que lles permite unha maior autonomía"

A responsable de plans provinciais, Cristina García Rey, salientou a importancia do Plan Único especialmente para os concellos pequenos, ", que lles permite soster servizos públicos" e, sobre todo "mellorar a calidade de vida da veciñanza"

O Plan Único da Deputación da Coruña inviste 100 millóns de euros nos concellos da provincia en 2024

O Plan Único da Deputación da Coruña superará en abril os 100 millóns de euros, unha cifra récord que se destinará a financiar obras, gasto corrente, servizos públicos e iniciativas de carácter social nos 93 concellos da provincia.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira Varela, e a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, presentaron hoxe as novidades do POS+2024, que suma aos 50,5 millóns de euros que xa tiña consignados no orzamento inicial do 2024 outros 50 millóns de euros que se aprobarán no pleno de mañá venres no marco dun expediente de modificación de créditos.

Formoso destacou o "cambio revolucionario" que supuxo o Plan Único na forma de facer política da institución provincial, xa que multiplicou por tres o investimento da Deputación nos concellos e deulles "total autonomía" á hora de decidir en qué invisten os fondos.

"Xa non hai plans de piscinas ou de campos de fútbol de herba artificial que obrigaban aos concellos a facer estas infraestruturas, as necesitaran ou non, ou a perder os fondos. Hoxe os concellos da provincia poden decidir a que destinan os seus recursos da Deputación", afirmou Valentín González Formoso, que destacou que o POS+ alcanzará en 2024 a "cifra récord" de 100,5 millóns de euros para financiamento local.

"Desde a súa creación en 2017, o Plan Único supuxo máis de 718 millóns de investimento nos concellos, máis de 4.000 obras e miles de servizos básicos que melloran a calidade de vida da cidadanía nos 93 concellos da provincia", afirmou Formoso, que destacou ademais que o plan "é un gran axente dinamizador da economía, que supuxo o mantemento de máis de 13.000 empregos na provincia", subliñou.

Necesidade de que a Xunta mellore o financiamento dos municipios

O presidente provincial contrapuxo este modelo co da Xunta de Galicia lembrando que "para todos os concellos de Galicia a Xunta destina 113 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, que leva conxelado unha década, mentres que a Deputación inviste máis de 100 millóns de euros só nos concellos da provincia da Coruña".

"Queremos falar disto no momento en que tanto se fala de financiamento autonómico, pero non se fala de abordar o reto do financiamento local, dos concellos onde vivimos todos e todas", polo que reclamou á Xunta que "dote dun financiamento adecuado aos municipios" para garantir a prestación dos servizos públicos, moitos deles competencias autonómicas que son derivadas aos concellos sen dotalos de recursos económicos.

O vicepresidente, Xosé Regueira, secundou que se trata dun "plan revolucionario" e que permite o financiamento da "maioría da obra pública dos concellos". O financiamento local, apuntou, "é a gran materia pendente do estado e, conscientes diso, dende a Deputación queremos apoiar aos nosos 93 concellos a través deste Plan Único que, ademais, asumen cada vez máis competencias".

Ademais, Regueira fixo tamén unha comparativa coa Xunta de Galicia, que conta "cun orzamento de 11.400 millóns, frente aos 200 que ten a Deputación".

Pola súa parte, a deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, sinalou que "a mellor parte vén cando estes cadros cheos de cifras se converten en realidades, en melloras na accesibilidade de rúas e espazos públicos, melloras de centros educativos e deportivos municipais, creación de xardíns e zonas verdes, obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais ou novos sistemas de alumeado público" grazas a un plan que, ademais, "lles permite aos concellos soster servizos públicos básicos coma o alumeado público, a recollida de lixo ou a limpeza viaria".

O Plan Único, fundamental para os pequenos concellos

"En definitiva", engadiu, "é unha ferramenta mellora a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia, pero especialmente naqueles máis pequenos, xa que para os 82 concellos de menos de 20.000 habitantes o importe recibido a través do POS pode supor desde un 5-10% do orzamento no caso dun concello mediano e até 20-30% para os máis pequenos".

O Plan Único supón unha das liñas estratéxicas do goberno da entidade provincial. "Somos conscientes da realidade que viven os nosos concellos e por iso continuamos a apostar por afortalar o Plan Único, e as cifras expostas que seguen a tendencia á suba dos últimos anos, son a mellor demostración do noso compromiso cos 93 concellos da provincia" concluíu García Rey.

Plan Único POS+ 2024 (PDF)

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X