Estás en:Emprego Novas

O Plan Único da Deputación da Coruña financia a mellora da rede de abastecemento de auga no núcleo urbano de Ortigueira

As obras, en fase de licitación, contan cun orzamento de 173.345 euros par a renovación da rede de abastecemento de auga nas rúas Cedeira, Soidade, Praza da Igrexa, R. Márquez Cortiñas, Príncipe e Manuel Sandomingo

O Plan Único da Deputación da Coruña financia a mellora da rede de abastecemento de auga no núcleo urbano de Ortigueira

O Plan Único da Deputación da Coruña financia as obras de mellora da rede de abastecemento no núcleo urbano de Ortigueira, por un importe de 173.345 euros, que se financiarán integramente con fondos do Plan Único.

As obras están en fase de licitación na Plataforma de Contratación do Estado ata o 7 de maio e consistirán na renovación das canles de fibrocemento existentes nas rúas Cedeira, Soidade, Praza da Igrexa, R. Márquez Cortiñas, Príncipe e Manuel Sandomingo, pertencentes ao núcleo urbano, así como tamén das conexións de fibrocemento que discorren pola estrada municipal que conecta o centro desde a rúa Magdalena ata o lugar de Cancelo por condutores de polietileno.

En canto ás actuacións en cada un dos espazos, na rúa Cedeira executarase un novo tramo de rede formado por un tubo de polietileno de 43 metros e disporanse un total de 6 acometidas executadas en polietileno de diámetro con reducións; na rúa Soidade o tramo terá unha lonxitude de 140 metros e 6 acometidas en polietileno; na Praza da Igrexa, pola súa banda, o tramo de polietileno terá unha lonxitude de 62 metros e un total de 3 acometidas; na rúa Reverendo Márquez Cortiñas a acometida terá 111 metros e instalaranse 5 acometidas; na rúa Príncipe inclúense 116 metros de tubo e un total de 11 acometidas e, por último, a rúa Manuel Sandomingo contará con 222 metros novos de tubo de polietileno e 37 acometidas. Ademais, na estrada municipal desde a rúa Magdalena ata o lugar de Cancelo a nova canle de fibrocemento terá unha lonxitude de 300 metros, cun total de 3 acometidas.

En todos os casos, as actuacións propostas comprenden os traballos de reposición de firmes e pavimentos e, no caso concreto da estrada municipal que conecta a rúa Magdalena co lugar de Cancelo, proponse, ademais, a pavimentación de toda a superficie mediante unha capa de rodaxe de 6 centímetros de espesor, a execución dunha beiravía de formigón de 15 centímetros na marxe esquerda e o pintado de marcas viarias de sinalización e a instalación dun sinal vertical de ceda ao paso.

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva investido 718 millóns de euros nos concellos coruñeses, financiado máis de 4.000 obras e servizos que melloran a calidade de vida da cidadanía nos 93 municipios da provincia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X