Estás en:Emprego Novas

Normalización Lingüística da Deputación pon en marcha unha campaña para homenaxear a Luísa Villalta

Inclúe obradoiros en centros de ensino e contadas infantís nas que se repartirá a novela de Villalta 'Tinta do mar', a realización dun vídeo e a distribución dun libro sobre a vida e obra da autora e unha gala no Teatro Colón da Coruña, o día 15 de maio

A velada do Colón reunirá a Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda, Eva Vieites, Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia nun espectáculo poético e musical arredor d'A música reservada, o primeiro poemario publicado pola honrada este ano no Día das Letras Galegas

Ás celebracións polo 17 de maio súmase a área de Cultura provincial, que programou en varias localidades da provincia a proxección do documental Suso. Forá de lugar, de Alberto Salcido; un concerto de Nacho · Faia · Lar e unha función de Alma de tigre, da compañía teatral Elefante Elegante

A deputada de Normalización Lingüística, Soledad Agra, presentou hoxe a programación e destacou a figura de Villalta, "unha muller que, ademais de senlleira nas letras, sobresaíu en moitas outras facetas: filóloga, activista, música e mestra"

Normalización Lingüística da Deputación pon en marcha unha campaña para homenaxear a Luísa Villalta

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña vén de pechar a programación dunha campaña para honrar a Luísa Villalta, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Presentouna está mañá en conferencia de prensa a titular de Lingua, Soledad Agra, a quen acompañaron Diana Varela Puñal, secretaria a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, colaboradora na organización; Clara Porto, comisaria da gala incluída no programa, e a ilustradora Xulia Pisón, autora do cartel e do grafismo da campaña.

Agra destacou a figura de Villalta, "unha muller que coñeciamos ben aquí na casa e no concello da Coruña e a sexta das mulleres en sesenta e unha edicións, incriblemente, que vai ser homenaxeada no Día das Letras Galegas". "E unha muller", engadiu, "que, ademais de senlleira nas letras, sobresaíu en moitas outras facetas: filóloga, activista, música e mestra... unha muller moi completa para a que quixemos tamén facer unha programación moi completa". Programación que, como sinalou a deputada, non se centrará só no mes de maio: "Coma, sempre, na nosa área de Lingua quixemos saír da data exacta das Letras Galegas e ampliar as actividades arredor da homenaxeada durante o resto do ano".

"Hai moitas autoras e autores", dixo Agra, "que cando se homenaxean polo Día das Letras non son tan coñecidos ou só se resalta a súa figura nese día e nese ano, pero Luísa é unha autora, unha escritora, unha multifacética persoa á que se seguiu homenaxeando moito, e moito tempo despois do seu pasamento, a través do tecido asociativo de moitas localidades, especialmente o da Coruña: a asociación Alexandre Bóveda, a de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, tamén institutos nos que ela foi mestra".

Gala no Teatro Colón o 15 de maio
A campaña ten como cita destacada a gala que se celebrará o 15 de maio no Teatro Colón da Coruña, ás 19.30 horas, conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás. Tomando como punto de partida o prólogo d'A música reservada, o primeiro poemario publicado por Villalta, seis artistas inspiraranse para compoñer pezas musicais e performativas que dialogan intimamente co corpo e co mundo sonoro da escritora: Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda e Eva Vieites. Tamén subirán ao escenario o cuarteto de arpas célticas Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. A entrada é libre e gratuita, ata completar aforo.

Programación anual
As propostas do programa espallaranse ao longo de todo ano.

  • 20 obradoiros sobre Luísa Villalta, con especial fincapé na perspectiva de xénero, en centros de Primaria e Secundaria da provincia. Impartiranos María Canosa, Estíbaliz Espinosa, Eli Ríos, Maribel Loureira, Chisco Fernández Naval, María Cazar e Eva Veiga. Ademais, un de escritura creativa, que xa se comezou en Santiago, conducido por Marga Doval.
  • 17 contadas infantís en diferentes localidades coruñesas, nas que se repartirán 300 exemplares de Tinta do mar, biografía de Villalta asinada por Polo Correo do Vento e ilustrada pola artista plástica Tania Solla.
  • Distribución de 300 exemplares da novela de Villata As chaves do tempo —reeditada por Cuarto de inverno logo de ano fóra de catálogo— nas actividades organizadas pola Deputación, bibliotecas e axencias de lectura de toda a provincia.
  • Realización dunha peza audiovisual sobre a vida e obra de Villalta, con intervencións de persoas que a coñeceron ben. O vídeo compartirase na web da Deputación.

Outras propostas
Ás celebracións do Día das Letras Galegas súmase o departamento provincial de Cultura, que preparou unha programación que inclúe a proxección de Suso. Fóra de lugar, documental de Alberto Salcido que logo de verse en abril en Santiago de Compostela e na Serra de Outes, chegará a Ribeira (Casa da Cultura, 4 de maio), Betanzos (Cine Alfonsetti, 11 de maio) e Cedeira (Casa da Cultura, 24 de maio); un concerto de Nacho · Faia · Lar, proxecto de Nacho Muñoz (Igmir), Faia Díaz (De Vacas) e Lar Legido (Sumrrá) para dar voz ao repertorio de Zeca Afonso (10 de maio, no Pazo da Cultura de Carballo); e unha función de Alma de tigre, da compañía teatral Elefante Elegante (o 25 de maio, no Auditorio de Vimianzo).

Antes, para mañá, o departamento provincial programou unha ruta, para a que xa non queda prazas dispoñibles, polas rúas do Papagaio, barrio coruñés á que Villalta se sentiu moi vencellada e que tivo un grande impacto na cidade, como explicará a guía do percorrido profesora da Universidade da Coruña, Mavi Lezcano. Ao remate, na Casa Museo Casares Quiroga, a compañía A Feroz representará a obra "Bulevar Papagaio".

Ademais, en datas vindeiras, a Deputación convocará o VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, un certame que quere honrar non só a figura e a obra da autora, senón premiar proxectos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres ou que contribúan de maneira relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero, a loita contra a violencia machista, a diversidade sexual e a interseccionalidade. En anteriores edicións, o galardón recaeu en Teatro do Noroeste, a ONG Ecos do Sur, María Helga Méndez, Artefeito Producións, María Reimóndez e Illa Bufarda, entre outras.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X