Estás en:Emprego Novas

A deputada de Vías e Obras e o alcalde da Laracha estudan as actuacións prioritarias a relizar nas estradas da Deputación no municipio

A Deputación actualizará o anteproxecto de remodelación da Avenida López Astray para mellorar a accesibilidade peonil e a seguridade

A deputada de Vías e Obras e o alcalde da Laracha estudan as actuacións prioritarias a relizar nas estradas da Deputación no municipio

A deputada responsable da área de Infraestruturas Viarias e Obras da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, visitou hoxe A Laracha para manter unha reunión co alcalde, José Manuel López Varela, e membros da Corporación municipal, na que analizaron distintas actuacións prioritarias a realizar nas estradas de titularidade da Deputación que discorren polo municipio para facilitar as comunicacións e aumentar a seguridade.

López Varela trasladou a Mónica Rodríguez que no núcleo urbano da Laracha a vía que require dunha intervención preferente é a Avenida López Astray (tramo urbano da DP-1913) co obxecto de reorganizar os espazos para un máis óptimo aproveitamento das zonas peonís, de tránsito rodado e de aparcamento.

A deputada explicou que o servizo de Vías e Obras dispón dun anteproxecto que contempla a remodelación dese tramo para convertelo nunha vía dun só sentido de circulación, reordenando os aparcamentos e ampliando as beirarrúas, pero mantendo as árbores existentes e comprometeuse a actualizar o documento e valorar tecnicamente a súa execución.

Durante a xornada visitaron tamén outras estradas onde o goberno municipal demanda actuacións como a a rúa Santa Lucía (tramo urbano da DP-2404), unha das zonas residenciais e comerciais máis importantes da Laracha e situada xunto ao centro médico e punto de atención continuada e expúxose a problemática actual da DP-1913 en todo o seu trazado desde a saída do núcleo urbano da Laracha ata o cruce da canteira, pasando polas parroquias de Torás, Lestón, Coiro e Soandres. Trátase dunha estrada vertebradora das comunicacións ao dirixir ao aeroporto de Alvedro e á cidade da Coruña pola terceira rolda, e tamén forma parte do eixo industrial da Laracha con Culleredo e Cerceda pese a que a platafoma da calzada é estreita para o tráfico que soporta e non dispón de sendas nin beiravías.

A comitiva, tamén formada por concelleiros da Corporación municipal e persoal técnico da administración provincial, visitou as tres estradas da Deputación para coñecer de primeira man o seu estado actual.

O alcalde agradeceulle á deputada provincial a súa visita á Laracha para interesarse polas propostas do Concello e mostroulle a plena disposición de colaborar entre as administracións para mellorar as infraestruturas viarias para beneficio xeral da cidadanía.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X