A Deputación estará presente na feira Expovacaciones de Bilbao amosando a riqueza gastronómica da provincia
A área de Turismo da entidade provincial contará no seu stand cunha programación de actividades entre as que se atopan showcookings do Muelle 43 de Mugardos e degustacións de mariscos de Barallobre
O evento celébrase do 10 ao 12 de maio no Bilbao Exhibition Centre e acolle exposicións orientadas ao sector turístico para a promoción de destinos e gastronomía
A área de turismo da Deputación da Coruña viaxa esta fin de semana a Bilbao para participar, dende mañá e ata o domingo 12 de maio, na feira 'Expovacaciones', onde estará promocionando a súa campaña turística e gastronómica 'A provincia que sabe´ da man de diferentes produtores locais e do restaurante Muelle 43 de Mugardos.
Almorzos artesáns, degustacións, showcookings e presentacións de produtos son as actividades que ofrece a entidade provincial no seu stand do Bilbao Exhibition Centre, entre as 11h e as 18h, durante os tres días deste evento que acolle exposicións orientadas ao sector turístico para a promoción de destinos e gastronomía.
A programación comeza cun almorzo artesán con Oleolatte, da empresa coruñesa Cafés Aruba, pan de Carballo e queixo mouro de Campo Capela da Capela. Continúa con degustación de mariscos (zamburiñas, navallas e vieiras) de Mariscos de Barallobre, e con showcookings a cargo de Nair González Varela do Restaurante MUELLE 43 de Mugardos, que elaborará receitas tradicionais con produtos locais propios do territorio: polbo á mugardesa e caldeirada de pescada de Cedeira. E, para rematar a xornada, unha presentación e degustación de queixo Galmesán (Premio Super Ouro nos World Cheese Awards 2023.
A Deputación amosará así, ante un público que acude en busca de diferentes opcións turísticas, a riqueza gastronómica da provincia da Coruña a través de 'A provincia que sabe', unha iniciativa destinada a turistas que buscan a autenticidade nos lugares que visitan, consumidores que priorizan a calidade e o compromiso co territorio á hora de comprar e/ou facer reservas, e á propia comunidade local.