Estás en:Emprego Novas

O Teatro Colón acolle mañá a gala das Letras Galegas da Deputación, en homenaxe a Luísa Villalta

Conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás, reunirá tamén a Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda, Eva Vieites, Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia nun espectáculo poético e musical arredor d'A música reservada, o primeiro poemario publicado por Villalta

A cita comezará ás 19:30 horas, e a entrada é libre e gratuíta até completar aforo

O Teatro Colón acolle mañá a gala das Letras Galegas da Deputación, en homenaxe a Luísa Villalta

O Teatro Colón convertirase mañá no escenario de celebración da gala das Letras Galegas organizada pola área de lingua da Deputación: unha cita que forma parte da súa campaña para homenaxear a Luísa Villalta, e que conta cunha serie de actividades para todos os públicos que se desenvolverán durante todo o ano como contadas infantís nas que se repartirá a novela de Villalta 'Tinta do mar', obradoiros en centros de ensino, a realización dun vídeo e a distribución dun libro sobre a vida e obra da autora.

A gala comezará ás 19:30 horas, e a entrada é libre e gratuíta até completar aforo. Estará conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás, que farán o seu particular homenaxe a Villalta, e toma como punto de partida o prólogo de A música reservada, o primeiro poemario publicado pola autora. A partir de aí, seis artistas inspiraranse para compoñer pezas musicais e performativas que dialogan intimamente co corpo e co mundo sonoro da escritora.

Actuacións inspiradas no prólogo de A música reservada
A compositora Janet Novás realizará unha performance; a compositora Mercedes Peón e a intérprete Elena Vázquez Ledo, un espectáculo conxunto, do mesmo xeito que o compositor Hugo Gómez-Chao e a soprano solista Adriana Aranda. Eva Vieites tamén subirá ao escenario para facer unha performance nunha xornada que tamén contará coas actuacións do cuarteto de arpas célticas Lulavai e da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.

O encargado do deseño da imaxe da gala é o artista plástico Xurxo Gómez – Chao e, o da iluminación, Dani Pais. Ambos elementos cobran unha especial relevancia nun acto que celebra a arte nas súas diferentes disciplinas, do mesmo xeito que o facía a homenaxeada deste ano nas Letras Galegas, Luísa Villalta: poeta, ensaísta "e unha muller que, ademais de senlleira nas letras, sobresaíu en moitas outras facetas: filóloga, activista, música e mestra... unha artista moi completa para a que quixemos tamén facer unha programación moi completa" apuntou a deputada de lingua, Soledad Agra.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X