Estás en:Emprego Novas

A Deputación firma un convenio co Concello de Curtis para a xestión integral do Centro Etnográfico de Teixeiro

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, e o alcalde da localidade brigantina, Javier Caínzos, asinaron o acordo, polo que a institución provincial achegará preto de 25.000 euros

Xosé Penas visitou, ademais, o complexo patrimonial para ver posibles melloras e outros proxectos, co alcalde e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de medio ambiente, xuventude e infraestruturas, Iván Maques García

A Deputación firma un convenio co Concello de Curtis para a xestión integral do Centro Etnográfico de Teixeiro

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, renovaron o convenio entre a Deputación da Coruña e o Concello brigantino para a xestión integral do Centro Etnográfico de Teixeiro, de titularidade provincial. Polo acordo, no marco do 'Proxecto Mandeo. Posta en valor das concas fluviais. 1º fase Río Mandeo", cofinanciado con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a Deputación compromete en 2024 unha achega de 24.713 euros.

Ademais, o deputado aproveitou a renovación do convenio para visitar o Centro Etnográfico de Teixeiro, onde estivo co alcalde e o concelleiro de medio ambiente, xuventude e infraestruturas, Iván Maques García e falaron das posibles melloras para a musealización e tamén para conseguir unha mellor afluencia. Ademais, abordaron a posible habilitación dunha sala de exposicións temporais para darlle visibilidade á obra de artistas da comarca, nunha xornada na que tamén visitaron a Casa de María Antonia Dans.

O Concello de Curtis seguirá dotando a instalación do persoal técnico especializado para a atención de visitantes, asumirá os custos de mantemento e limpeza e terá a obriga de abrir o espazo ao público un mínimo de horas semanais. O horario de apertura seguirá coma ata o de agora: de martes a venres, de 10 a 13 e de 16 a 19 horas, e as fins de semana, de 10 a 13 horas. O centro permanecerá pechado os luns e os festivos.

Xosé Penas salientou a importancia da renovación do convenio, "pois espazos coma o Centro Etnográfico de Teixeiro constitúen verdadeiros puntos de referencia para a interpretación e o coñecemento ambiental, cultural e etnográfico da contorna; neste caso, do río Mandeo, que forma parte do noso patrimonio natural".

"Co acordo", engadiu o deputado, "avanzamos nos obxectivos do Proxecto Mandeo de potenciar o desenvolvemento sostible dun territorio, a conca do río Mandeo, a partir da valorización do recurso auga, integrando a mellora da calidade do ecosistema fluvial". Do mesmo xeito, engadiu, "a auga seguirá a ser un elemento potenciador, dinamizador e de cohesión do territorio para o avance económico e social".

O centro de Curtis, que conta cunha museografía moderna e interactiva, ofrece unha función formativa, a través de aulas, cursos e talleres, e divulgativa, a través do centro de interpretación, e a súa programación inclúe visitas didácticas especialmente orientadas á xente moza en idade escolar.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X