A Deputación da Coruña adxudica por 753.820 euros o primeiro tramo da Vía Verde en Santiago
As obras comezarán en xuño cun tramo de 2,2 quilómetros que parte da antiga estación de ferrocarril da Sionlla
A Vía Verde executarase en dúas fases en Santiago, cun total de 10 quilómetros de lonxitude e un investimento de preto 1,8 millóns de euros
Os tramos de Compostela completarán a maior Vía Verde de Galicia, con 36 quilómetros de vía ciclable ata Cerceda
A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 753.820,86 euros as obras do primeiro tramo da Vía Verde en Santiago de Compostela, cun percorrido de 2,2 quilómetros que parte da antiga estación de ferrocarril da Sionlla. As obras comezarán no mes de xuño.
Trátase do primeiro tramo da Vía Verde en territorio de Compostela, que se completará nos vindeiros meses cunha segunda fase de 8 quilómetros de lonxitude, que discorrerá do punto quilométrico 2+2 ao 10+200. En total, os dous tramos en territorio compostelán sumarán 10 quilómetros e suporán un investimento de 1,8 millóns de euros.
Estes dous tramos de Compostela conectarán co resto da Vía Verde, en funcionamento desde 2022, que atravesa os municipios de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda para completar unha gran ruta ciclable de 36 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que con esta actuación, "a Deputación da Coruña inicia a conexión de Compostela coa maior Vía Verde de Galicia, contribuíndo a crear unha oferta de mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente que contribúe a vertebrar as comunicacións nos núcleos rurais e a dinamizar o turismo na zona".
As oportunidades turísticas da Vía Verde veñen avaladas tras a concesión, por parte do Goberno de España, do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, dotado con 1.375.000 euros de orzamento.
Arredor da Vía Verde e enmarcado no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, o plan busca impulsar este destino como unha alternativa sostible baseada no desenvolvemento dun produto turístico singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio (patrimonio histórico, cultural, paisaxístico...).
Entre as actuacións previstas neste PSTD destacan a elaboración dun plan de actuacións para evitar inundacións nos canles dos ríos Tambre e Lengüelle, a instalación de puntos de auga e de autorreparación de bicicletas; a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, coa instalación de pérgolas axradinadas, a elaboración dun mapa virtual e app dixital con recursos vinculados ao turismo gastronómico ou un plan para impulsar feiróns no que se fomenten os produtos locais, en colaboración con pequenos produtores.
O orzamento do PSTD da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle inclúe tamén 300.000 euros para cofinanciar coa Deputación (608.989 €) e Concello de Santiago (142.723 €) as obras do segundo tramo da Vía, que conectará con Sigüeiro (Oroso)