Estás en:Emprego Novas
Día Internacional dos Arquivos

O legado de Francisco Pillado Villamil na Biblioteca Provincial

O vindeiro 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos.

O legado de Francisco Pillado Villamil na Biblioteca Provincial

Desde a Biblioteca Provincial da Coruña queremos felicitar e recoñecer a todas as arquiveiras e arquiveiros da provincia, que custodian as fontes da nosa memoria, e polo tanto da Historia. E un agarimo especial ás nosas compañeiras do Arquivo Provincial da Deputación da Coruña neste día tan importante para elas.

Pola nosa banda, sumámonos á celebración amosándovos un anaquiño dos fondos especiais da Biblioteca Provincial. Neste caso varios documentos dunha doazón que recibimos recentemente, do pianista e compositor coruñés Francisco Pillado Villamil.

Trátase dun caderno onde o músico tiña rexistrada toda a súa colección de partituras e un caderno de recortes onde foi gardando as novas dos xornais que anunciaban ou recensionaban as súas actuación ao longo do século XIX e comezos do XX.

A colección está composta por moitos máis materiais, tanto informativos como gráficos, pero principalmente conta con partituras. A doazón foi efectuada a favor da nosa Biblioteca pola Familia Pillado e Manuela Vega e está dispoñible para a súa consulta nas dependencias habilitadas ao efecto no noso centro.

Para saber un pouco máis da figura de Pillado Villamil e da importancia do seu legado, a seguir achegamos un texto elaborado polo musicólogo Nilo García Armas, para o Consello da Cultura galega, que de seguro resultará de interese para todos os apaixoados da música e/ou da historia.

Feliz Día dos Arquivos para todas/os! 

--

Francisco Pillado Villamil

Pianista e compositor coruñés de intensa actividade artística entre os séculos XIX e XX, Francisco Pillado Villamil foi o fundador dunha estirpe familiar na que os membros máis destacados compartiron nome e primeiro apelido: o seu fillo foi contable e un grande afeccionado á fotografía; o neto, xornalista, sería director de La Voz de Galicia; e o bisneto, coñecido como Pancho Pillado, destacaría como editor e estudoso do teatro galego.

Fillo de nai solteira, naceu na Coruña o 16 de outubro de 1856 e foi bautizado na igrexa de San Xurxo. As testemuñas familiares identifican como pai a Francisco Ortega y Soler -quen se encargaría de pagar a súa formación musical-, propietario do edificio da céntrica Rúa Real no que Pillado Villamil residíu durante a súa vida, de solteiro compartindo casa co seu irmán Juan e despois xa coa súa propia familia.

No censo de 1899 Francisco Pillado Villamil aparece como cabeza de familia, con corenta e dous anos de idade, casado con Manuela González, natural de Vilalba, e con catro fillos: Francisco (1891), Ramona (1894), Julia (1896) e Carmen (1898). O matrimonio tivo sete fillos, dous varóns e cinco mulleres. Catro das fillas faleceron sendo nenas e estes tráxicos acontecementos condicionarían o resto da súa vida.

Alumno do pianista e compositor Torres de Adalid, a familia indica que Marcial Adalid insistíalle en que debía trasladarse a Francia, ao cal Francisco Pillado se negou e permaneceu sempre na cidade herculina. Tivo como alcume "Orteguita", debido ao seu hipotético proxenitor.

As primeiras referencias documentais de concertos de Pillado datan de 1872 cando formou con José Courtier, Mariano Alonso e os irmáns Canuto e Manuel Berea un quinteto para actuar no salón da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña. Anos despois actuaría no Teatro Principal –en 1875 nun concerto sacro, en 1880 acompañaría ao tenor Castillo...- e en diferentes sociedades coruñesas nas que interpretou obras para piano a catro mans co tamén pianista Fernando Veiga.

Outra faceta salientable de Pillado Villamil é a que constitúen as súas colaboracións como compositor para os entroidos da Coruña, como o de 1886, para o que compuxo unha habanera que sería cantada polo coro El Eco dirixido por Pascual Veiga, que se uniu á sección de canto da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos que tamén interpretaría unha marcha composta por José Braña Muíños.

Nos anos posteriores participará en diferentes actos da Reunión de Artesanos, tocando mesmo na orquestra desta entidade, que alcanzou moita sona en 1888 baixo a dirección do mestre Lago. En 1898, no aniversario da Reunión de Artesanos, foi interpretada a súa composición Un recuerdo, composta en 1877 e publicada -xunto á polca Angelita e Un pensamiento fúnebre- pola casa Canuto Berea y Compañía en 1897.

En 1898, cando a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos mercou un piano Rönisch e puxo en práctica a calidade de "Instructiva" que formaba parte do nome establecendo ensinanzas musicais, Francisco Pillado exerceu como profesor de piano. Na mesma entidade impartía clases de violín o seu amigo Constante Suárez Chané, co que formaría dúo en diferentes concertos durante o ano 1901. Tras a creación da Sociedad Filarmónica da Coruña, en 1904 colaboraría no segundo concerto desta institución acompañando ao violinista Laureano Forssini ou interpretando o Trío op. 21 de Haydn xunto ao chelista Alonso. En 1904 faleceu a súa filla Marina con catro anos de idade e, segundo fontes familiares, Pillado Villamil deixou de ser un home crente.

Nunha libreta persoal, que conserva a familia, compróbase unha intensa actividade concertística nas dúas primeiras décadas do século XX, con crónicas de diferentes concertos cun amplo repertorio tanto no relativo ao quinteto da sociedade do Circo de Artesanos, como acompañando a diferentes cantantes que pasaban pola cidade herculina ou promovendo os concertos do alumnado, que tiveron moita repercusión. Así, en 1905, tal e como recolle o número do 25 de marzo da coruñesa Revista Gallega, nun serán no Circo de Artesanos Francisco Pillado presentou ás súas alumnas Carmen Nache e Carmen Martín, mentres que Constante Suárez Chané se encargaba da presentación do cuarteto de violíns e viola formado por Pilar Castillo, Eladio Rodríguez Yordi, Isaac Pedregal e José Doncel. En 1908, nunha homenaxe a Curros Enríquez celebrada o 12 de abril na sede da mesma entidade, foron interpretadas as composicións de Chané Un adiós a Mariquiña e Tangaraños -probablemente na que sería a estrea desta última peza en España, xa que en Cuba fora interpretada tempo antes- cantadas por Nan de Allariz acompañado ao piano por Pillado. O pianista e compositor tamén tivo a oportunidade de estrear outras obras que hoxe permanecen esquecidas, como a melodía Doce sono de José Baldomir, estreada nun concerto celebrado en 1913.

En 1914 a editorial Canuto Berea y Compañía publica diferentes composicións instrumentais de Pillado Villamil tituladas con nome de muller como Pilar y Marina, a mazurca Toñita e outras seis pezas de bailables para canto e piano coreados nos enterros da sardiña do último cuarto do século XIX, con textos de autores como Aureliano Pereira ou Antonio Carricarte.

O 19 de maio de 1919 celebrouse un serán na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos en honra do veterano mestre que prestara servizos á sociedade. Nesta homenaxe, Pillado Villamil foi agasallado cunha medalla de ouro que levaba gravada a data da conmemoración. O seu falecemento, o 26 de marzo de 1926, supuxo unha gran perda para a Sociedade de Artesanos polos servizos que prestara como profesor de música, organizador de concertos e seráns musicais que tanto prestixio lle deron á entidade. Pillado, segundo fontes familiares, foi unha persoa afable, humana e ben querida pola veciñanza, á que amenizaba coas súas interpretacións cada día dende a súa casa, abrindo as portas do seu balcón sempre á mesma hora da tardiña. Deixou encargado que os gastos do seu enterro, en lugar de ir para a igrexa, fosen doados á Cociña Económica, tradición que segue cumprindo a súa familia.

A produción compositiva de Pillado Villamil pódese atopar no Fondo Canuto Berea da Biblioteca da Deputación da Coruña, así como no Fondo Ramiro Cartelle da Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña onde, entre a documentación do seu neto Francisco Pillado Rivadulla, se conservan copias dos manuscritos do compositor coruñés.

García Armas, Nilo : Francisco Pillado Villamil. Publicado o 10/5/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=33227. Recuperado o 23/05/2024

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X