Estás en:Emprego Novas

A Deputación inviste este ano 478.000 euros en subvencionar os servizos municipais de normalización lingüística

A institución provincial destina, tamén neste exercicio, 339.600 euros ao programa de subvencións a concellos e entidades locais para financiar gastos de persoal técnico de museos

A Deputación inviste este ano 478.000 euros en subvencionar os servizos municipais de normalización lingüística

A Deputación da Coruña reservará neste exercicio unha partida de 478.000 euros para o programa FONL 2024, de subvencións aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística. Son 24 os beneficiarios, que recibirán axudas de 20.000 euros, agás un dos solicitantes, ao que lle corresponden 18.000.

"Os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza e, polo tanto, cumpren un papel esencial á hora de promover o uso do galego. Neste sentido, a Deputación da Coruña quere manter a axuda á creación dos servizos de normalización lingüística (SNL) que dan apoio fundamental aos municipios no seu labor normalizador", apunta a responsable da área de Lingua, Soledad Agra. Agra puxo en valor o labor do persoal dos SNL, "que contribúe a incrementar o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos e sectores do eido territorial das entidades, non só no seo das propias administracións".

"Como sinalan todos os datos dos estudos científicos realizados ao respecto", engadiu, "a lingua galega continúa hoxe a vivir unha situación de evidente desigualdade social, así que, como administración, a Deputación ten a obriga de contribuír, neste caso economicamente, a que non se produzan discriminacións nin desigualdades, sexan estas da natureza que sexan, e dentro delas tampouco as que se dan nos usos lingüísticos".

Axudas a museos

O Boletín Oficial de Provincia publicou tamén a resolución pola que se aproba a concesión definitiva de subvencións correspondentes ao programa FO216, de axudas a concellos e entidades locais para financiar gastos de persoal técnico para a atención de museos e centros museísticos durante o ano 2024. O investimento final é de 339.600 euros, que se repartirán entre 19 beneficiarios, en subvencións de entre 12.000 e 20.000 euros.

"Esta liña de subvencións", explicou a titular de Cultura, Natividade González, "é parte da nosa política de apoio aos servizos municipais de cultura, pois somos moi conscientes da necesidade e da relevancia de fortalecer o tecido cultural local a partir dos que deben ser uns dos seus motores: as políticas culturais públicas; neste caso, para reforzar a estrutura de persoal e a capacidade económica dos concellos para que melloren e profesionalicen o persoal técnico de museos e centros museísticos".

As listaxes de beneficiarios das dúas liñas de subvencións están publicadas no BOP do 27 de maio e poden consultarse ou descargarse nestas ligazóns: SNL e Museos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X