Estás en:Emprego Novas

A Deputación avanza na mellora da seguridade peonil coa construción de dúas novas sendas en Cabana de Bergantiños e Zas

O presidente Valentín González Formoso destaca que a rede provincial de estradas conta xa con 382 quilómetros de beirarrúas e sendas

Ambas as dúas actuacións suman un investimento de preto de 1 millón de euros

Formoso visita tamén as Torres do Allo, o primeiro pazo galego, no que a Deputación está executando obras de conservación de fachadas e cuberta para manter este histórico inmoble nas mellores condicións

A Deputación avanza na mellora da seguridade  peonil coa construción de dúas novas sendas en Cabana de Bergantiños e Zas

A Deputación da Coruña segue avanzando na mellora da seguridade peonil coa construción de dúas novas sendas en estradas de Cabana de Bergantiños e Zas, que suman un investimento de preto de 1 millón de euros.

O presidente Valentín González Formoso visitou en primeiro lugar o Concello de Cabana de Bergantiños onde, acompañado do alcalde José Muíño Domínguez e da deputada de Vías de Obras, Mónica Rodríguez, supervisou o inicio das obras de mellora da seguridade viaria e construción dunha nova senda peonil da estrada DP 1406 de Neaño ao Allo por Cesullas.

As obras, cun investimento de 773.498 euros e un prazo de execución de oito meses, consisten na construción dunha senda de dous metros de ancho pola marxe dereita da calzada entre os puntos quilométricos 0+680 e 1+900 (1,2 quilómetros), así como unha ampliación da plataforma da estrada para conseguir dous carrís de 3,5 metros e beiravías de medio metro. Inclúe tamén a construción de muros de coieira para contención nalgúns tramos e a renovación completa da rede de drenaxe, mellorando as súas características nos meses de choiva.

Ademais, inclúese a renovación da sinalización horizontal e vertical e a instalación dunha banda lonxitudinal con resalte e ollos de gato ao longo de toda a senda para incrementar a seguridade dos viandantes.

Senda no núcleo de Fornelos, en Zas

Valentín Formoso e Mónica Rodríguez desprazáronse tamén ata Zas, onde acompañados do alcalde, Manuel Muíño Espasandín, supervisaron o resultado das obras da nova senda peonil na estrada provincial DP 4001 de Baio a Laxe, que conectan o núcleo de Fornelos coa estrada AC-400, e que acaban de rematar.

A zona, que conta con numerosas vivendas ao longo da estrada, carecía ata agora de beirarrúas ou sendas en varios tramos, o cal supoña un risco para a seguridade viaria.

Con esta obra, que supuxo un investimento de 177.393 euros, ponse ao dispor da veciñanza un itinerario peonil seguro de 600 metros de lonxitude, ademais da renovación dos pavimentos e a preinstalación soterrada da rede de alumeado público, o que mellorará tamén a estética da zona evitando o tendido aéreo.

Formoso destacou o importante esforzo investidor que realiza a Deputación na mellora da seguridade na rede de estradas provincial, que conta con máis de 2.000 quilómetros, incidindo especialmente en aqueles usuarios e usuarias máis vulnerables, como peóns e ciclistas.

Neste sentido, a rede provincial de estradas conta a día de hoxe con 382 quilómetros de beirarrúas e sendas, construídas principalmente en núcleos onde abundan as vivendas ou infraestruturas como colexios ou centros de saúde, que requiren accesos seguros para os peóns.

Obras de conservación nas Torres do Allo, o primeiro pazo galego

Formoso visitou tamén en Zas as Torres do Allo, considerado por moitos historiadores como o primeiro pazo galego, pois a súa construción comezou a finais do século XV.

En 1998, a Deputación adquiriu as Torres do Allo, que pasaron a formar parte do patrimonio público para usos culturais, turísticos, didácticos e sociais e, tras un longo e complexo proceso de rehabilitación, abriu as súas portas ao público en 2005, xa declarado como Ben de Interese Cultural (BIC).

Durante estas case dúas décadas, o inmoble recibe cada ano miles de visitas, tanto escolares como de grupos organizados e particulares interesados en descubrir a apaixonante historia desta gran casa señorial que comeza hai cinco séculos coas Revoltas Irmandiñas e chega ata os nosos días.

Formoso destacou "o gran valor patrimonial, histórico e etnográfico" das Torres do Allo e a súa contorna, desde o xardín, o souto e a carballeira centenaria que o rodean ata o singular valor arquitectónico do inmoble.

O presidente anunciou tamén que a Deputación inviste algo máis de 30.000 euros en distintos traballos limpeza e pintado das fachadas norte, sur e oeste; a reparación dalgúns elementos pétreos e a limpeza da cuberta do edificio para mantelo nas mellores condicións de cara á tempada estival, cando a Deputación habilita o servizo de visitas guiadas diario e o pazo conta con maior afluencia de visitantes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X