Estás en:Emprego Novas

A Deputación achega 750.000 euros para cofinanciar as obras da nova iluminación do Estadio municipal da Malata, en Ferrol

O presidente Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o presidente do Rácing, Manuel Ansede asinaron hoxe un protocolo na sede da institución provincial

As obras teñen un investimento previsto de ata 1,8 millóns de euros, dos que a Deputación achegará ata 750.000 €, o Concello de Ferrol outros 750.000 € e o Rácing de Ferrol o importe restante

O acordo permitirá instalar un sistema de iluminación que cumpra cos requirimentos da Liga de Fútbol profesional para a tempada 2024/2025

"Esperamos que sirva para que o Racing poida seguir facendo desfrutar a unha cidade, a unha comarca e a unha provincia como está a facer nestes últimos anos", apuntou Formoso

A Deputación achega 750.000 euros para cofinanciar as obras da nova iluminación do Estadio municipal da Malata, en Ferrol

A Deputación da Coruña achegará ao Concello de Ferrol ata 750.000 euros para cofinanciar as obras de renovación completa do sistema de iluminación do estadio municipal da Malata, e cumprir así cos requisitos que demanda a Liga de Fútbol Profesional para competir en Segunda División e que a instalación deportiva ferrolá non cumpre neste momento.

Así se recolle no protocolo a tres bandas asinado esta mañá na sede da institución provincial polo presidente, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o presidente do Rácing de Ferrol, Manuel Ansede, no que se establece que a Deputación da Coruña apoiará o Concello de Ferrol no financiamento deste proxecto cunha achega económica de ata 750.000 euros, aos que se sumarán outros 750.000 euros subminstrados polo Concello de Ferrol, titular do estadio da Malata, e arredor de 300.000 € que serán achegados polo Rácing de Ferrol, usuario da instalación, para completar un proxecto que conta cun orzamento estimado de 1,8 millóns de euros.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que se trata "dunha achega económica importante entre as dúas administracións, que chega aos 1,5 millóns de euros". "Esperamos que sirva para que o Rácing poida seguir facendo desfrutar a unha cidade, a unha comarca e a unha provincia como está a facer nestes últimos anos", apuntou Formoso, que puxo en valor "o apoio continuo" que a Deputación da Coruña vén prestando ao Rácing de Ferrol, con investimentos como o medio millón destinado á reforma da bancada norte da Malata o ano pasado ou os 150.000 euros anuais cos que a institución provincial apoia ao equipo para promocionar Ferrol e a provincia da Coruña como destino turístico.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol quixo pór en valor "o paso importante que dá a Deputación para conseguir o obxectivo de garantir uns prazos tan esixentes como os que La Liga impón a todos os clubs". Rey Varela amosouse un fervente crente "na colaboración entre institucións" e resaltou a "vocación de asistencia a municipios, de cooperación e de colaboración cos concellos e as institucións máis importantes da provincia buscando fins comúns" que ten a Deputación da Coruña.

Mentres, Ansede agradeceu "el esfuerzo que están haciendo ambas administraciones". "Quiero agradecer a los interlocutores todo el apoyo que hemos recibido desde el primer momento, la flexibilidad y el cariño con el que nos han tratado", engadiu o presidente do Rácing, que apuntou que a obra "es fundamental para poder competir de nuevo en A Malata desde el primer partido", xa que a actualización da iluminación trátase dunha "exigencia" de La Liga de Fútbol Profesional.

A partida económica de 750.000 euros coa que a Deputación da Coruña colaborará co Concello de Ferrol nestas obras da Malata será aprobada no pleno de hoxe venres no marco dun expediente de modificación de créditos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X