O PEL da Deputación da Coruña apoia a 427 pequenas empresas e profesionais autónomos con preto de 4 millóns de euros en axudas para a modernización dos seus negocios
Formoso destaca que as axudas "contribúen a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo" e supoñen "un apoio fundamental" para os que emprenden no rural
As axudas están destinadas a autónomos e pequenas empresas con sede en municipios de menos de 10.000 habitantes, co obxectivo de fomentar o emprego e a actividade económica no rural
As comarcas máis beneficiadas son as de Santiago e Bergantiños-Costa da Morte, que concentran o 58,8 % das axudas e os concellos con maior número de empresas beneficiarias son Mazaricos, Fisterra e Val do Dubra
A contía oscila entre os 2.450 e os 17.500 euros e o 57% van a empresas ubicadas en concellos de menos de 4.000 habitantes
A liña de axudas PEL-Emprende para investimentos da Deputación da Coruña destina este ano 3.954.376 euros para apoiar a 427 pequenas empresas e profesionais autónomos da provincia na realización de investimentos vinculados ao desenvolvemento dos seus negocios.
A concesión das axudas publícase hoxe luns, 3 de xuño, no Boletín Oficial da Provincia e supón un importante apoio económico – de entre 2.450 e 17.500 euros- para 427 microempresas, PEME e autónomos con sede en concellos rurais (de menos de 10.000 habitantes) coas que poderán adquirir aplicacións informáticas, mobiliario, maquinaria ou equipos de información necesarios para o crecemento, modernización e dixitalización dos seus negocios.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou que "os investimentos desta liña do PEL contribúen a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e dando un apoio fundamental para as persoas emprendedoras que apostan por crear un negocio, especialmente nos concellos máis pequenos da provincia".
Axudas fundamentais para impulsar o emprego no rural
Formoso destacou que "unha das liñas estratéxicas da acción política da Deputación da Coruña neste mandato é a creación de emprego e actividade económica no rural, un aspecto fundamental se queremos fixar poboación e apostar por un rural vivo e con futuro", afirmou o presidente, que destacou a "elevada demanda" coa que conta esta liña de axudas do PEL, o que obrigou a incrementar o seu orzamento nun 43%, pasando dos 2,7 millóns orzamentados inicialmente a preto de 4 millóns de euros, "co obxectivo de atender o maior número posible de solicitudes".
Ademais, o presidente lembrou que esta liña complementa a outros programas da Deputación como PEL-PEME e PEL-Concellos, que este ano crearon xa 737 empregos tanto nos concellos como nas pequenas empresas da provincia.
As axudas PEL-Emprende Investimento cobren ata o 70% dos investimentos realizados en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe máximo de 17.500 euros. Todos os investimentos deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.
Do total de entidades beneficiarias, o 79,86% son profesionais autónomos/as, con 341 solicitudes concedidas e un 87,35% das solicitudes concedidas pertencen a sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial de Galicia (fronte ao 31,36% do ano 2023), dos cales 195 adícanse á actividade agrícola, gandeira, forestal e pesca.
Tamén cabe destacar que o 100% das empresas que reciben este ano as axudas de PEL-Emprende, non resultaron beneficiarias na convocatoria anterior e só un 3,14% foron beneficiarias algún outro ano. Cos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras o organismo provincial evidencia o esforzo por diversificar o apoio a novas empresas cada ano.
No referente á distribución das axudas por concellos onde se localiza o domicilio fiscal das empresas, cabe destacar que a meirande parte proveñen de Mazaricos con 39 concesións, acadando así o 12,64% do orzamento total (498.435,12 €), seguidas dos concellos de Fisterra e Val do Dubra en número de concesións, con 23 e 22 respectivamente. Entre os tres concellos supoñen preto do 20% das solicitudes concedidas. Agora ben, no referente a distribución do orzamento por concellos, o concello de Mazaricos segue sendo o que acadou a maior parte deste, pero o segundo máis beneficiado pasa a ser o concello da Baña con 17 concesións pero cun importe que ascende a 219.477,49 € seguido do de Fisterra que as 23 concesións alcanzan un importe de 138.662,95 €.
En relación co anterior tamén cabe resaltar que 174 beneficiarios/as teñen o seu domicilio fiscal en concellos de 2.001 a 4.000 habitantes (o que representa o 40,75% do total) e 122 dos beneficiarios teñen o domicilio fiscal nun concello con poboación de 5.001 a 10.000 habitantes (o que representa o 28,57 % do total). O dato mostra un maior avance nas concesións a municipios máis pequenos respecto doutros anos, comparándoo coa concesión do 2023, os máis favorecidos ese ano foron os municipios de entre 5.001 a 10.000 habitantes (cun 38% das concesións) quedando este ano en segundo lugar en prol dos municipios máis pequenos.
Estes datos mostran que os criterios establecidos na convocatoria son efectivos á hora de favorecer as persoas autónomas, así como aos concellos máis rurais da provincia, cun 100% dos beneficiarios en concellos de menos de 10.000 habitantes e máis da metade das concesións en concellos de menos de 4.000 habitantes (57,37%).
Distribución das axudas por comarcas
Atendendo á distribución por comarcas, a de Santiago, é a que conta cun maior número de solicitudes concedidas con 151, o que supón 1.542.825,86 € en axudas, seguida da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, cun total de 100 e un importe concedido de 735.740,05 €. Entre ambas comarcas concéntranse o 58,78% das solicitudes concedidas.
A estas comarcas séguenlles a de Ferrolterra, Eume e Ortegal, con 70 solicitudes concedidas por importe de 522.228,25 € e a de Barbanza con 67 concesións, pero cun importe concedido maior que ascende a 718.430,19 €. As restantes, pertencen á comarca de Coruña- Betanzos, con 39 solicitudes concedidas e un montante en axudas de 422.846,34 €.
Este programa de axudas non só proporciona un impulso financeiro necesario, senón que tamén fomenta a modernización e competitividade das microempresas e autónomos na provincia. Cun apoio sólido e un enfoque estratéxico, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico local e o apoio ao emprendemento.
Pode consultar a listaxe completa das solicitudes concedidas na seguinte ligazón ao BOP:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2024/06/03/2024_0000003795.pdf