Turismo da Deputación asiste ás Xornadas Técnicas de Destinos Enogastronómicos en Cullera (Valencia)
A entidade provincial conta con 2 plans enogastronómicos: os Fogóns do Anllóns e o Vía Verde Compostela - Tambre - Lengüelle
Xosé Regueira, que asistiu á xornada organizada por Saborea España, destacou a oportunidade que supuxo de aprendizaxe e intercambio de experiencias con outros destinos
A área de turismo da Deputación da Coruña acudiu este luns e martes ás Xornadas Técnicas de Destinos Enogastronómicos en Cullera (Valencia), organizada por Saborea España. O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, foi un dos asistentes ao encontro, do que destacou a oportunidade de aprendizaxe e intercambio de experiencias con outros destinos.
A delegación da entidade provincial en Cullera coincidiu durante a xornada, ademais, con responsables dos Fogóns do Anllóns, un dos plans enogastronómicos da Deputación. O outro é a Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle, ambos os dous financiados con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – financiado pola Unión Europea - Next GenerationEU.
O Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Os fogóns de Anllóns pon en valor A riqueza natural, histórica e gastronómica do territorio do río Anllóns.O obxectivo é posicionar aos concellos do Anllóns como destinos de referencia de turismo de natureza e gastronómico.
Pola súa parte, o PSTD Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle recupera un dos itinerarios da rede das Vías Verdes española para a súa posta en funcionamento como ruta de transporte non motorizado, reutilizando un antigo trazado ferroviario existente entre Santiago e A Coruña. O obxectivo é a dinamización do territorio rural polo que discorre a través da posta en valor dos recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos dos concellos integrados.