Regueira defende a aposta por un turismo sostible na inauguración do Espazo Nature de Razo
Na súa intervención, ademais, o vicepresidente aproveitou para anunciar o apoio ó Cabreiroá Junior Pro Razo-Caión (unha das probas do circuíto profesional World Junior Tour da World Surf League) por parte da Deputación da Coruña
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, participou onte en Razo na inauguración do complexo turístico Espazo Nature, nun acto no que reiterou a aposta da área de turismo da Deputación por un turismo sostible, de calidade e comprometido co territorio.
«Proxectos como Espazo Nature», afirmou, «non son unha sorte só para Carballo: son tamén unha sorte para a provincia da Coruña e para Galiza». «Falamos», engadiu «de buscar un turista comprometido co territorio, que quere sostibilidade na oferta; un turista de perfil medio alto, comprometido tamén co destino que vai visitar, e son espazos coma este os que van conseguindo que ese turismo chegue, porque se non temos eses recursos, dificilmente podemos dicirlle a ese turismo que veña aquí».
Regueira aproveitou a súa intervención para anunciar que en Razo se vai celebrar o Cabreiroá Junior Pro Razo-Caión —unha das probas do circuíto profesional World Junior Tour da World Surf League, o campionato mundial da disciplina—. A cita, que se presentará hoxe en Compostela, contará co apoio da Deputación, «dentro desa colaboración sempre intensa que na institución provincial mantemos con este deporte, que sempre trae grandes acontecementos á provincia».
Regueira tamén anunciou que moi preto de Razo instalarase un observatorio 'starlight', outro dos proxectos cos que se implica Turismo da Deputación, «nesa liña do noso departamento de apostar por revulsivos para unha clase de turismo moi específico que eu creo que, ademais, vai axudar á desestacionalización».