Cultura da Deputación celebra a Festa da Música con concertos de A Sombra dos Soños, Noar, MJ Pérez, Caldo e Moura en catro concellos da provincia
Cabana de Bergantiños, Ribeira, Muros e A Coruña acollerán as actuacións que terán lugar os días 15, 20, 21 e 22 de xuño
Este ciclo enmárcase no Día Europeo da Música, que se celebra o 21 de xuño en cidades de todo o continente
A deputada de cultura, Natividade González, destacou durante a presentación de hoxe o traballo en conxunto cos concellos para a programación deste ciclo, así como o apoio á musica en galego que se fai dende a Deputación
O Teatro Colón acolleu esta mañá a presentación da Festa da Música, organizada pola área de cultura da Deputación da Coruña para celebrar o Día Europeo da Música. A entidade provincial programará concertos de A Sombra dos Soños, Noar, MJ Pérez, Caldo e Moura en catro concellos da provincia os días 15, 20 e 21 de xuño.
Programación da Festa da Música
Concretamente, a Festa da Música comezará o día 15 en Cabana de Bergantiños coa actuación de A Sombra dos Soños ás 22:30h no local social de Canduas; continuará o día 20 con Noar no auditorio de Ribeira ás 11h; o 21 con MJ Pérez ás 22:30h na praza do Mercado de Muros, e rematará o 22 co concerto conxunto de Caldo e Moura ás 20h no Teatro Colón. Para este último, poden retirarse as entradas na páxina web de ataquilla ou no quiosco da coruñesa praza de Ourense.
A deputada de cultura, Natividade González, destacou "o apoio á música en galego" que se fai dende a Deputación, "un compromiso que asumimos para poñer en valor a nosa cultura e identidade". Ademais, apuntou, "para nós é un pracer contar cun cartel de tan alto nivel como este", nunha iniciativa na que "traballamos conxuntamente cos concellos para programar música de artistas galegos e que a veciñanza da provincia a poida palpar."
MJ Pérez agradeceu formar parte da Festa da Música, onde participará cun concerto "da xira de nada menos que o décimo aniversario", con toda a banda, en Muros.
O músico José Carballido, de A Sombra dos Soños, dixo sentirse "contento" de participar neste programa, "que celebra a música e que, ademais, é unha mostra da variedade musical que temos agora mesmo en Galiza, onde vivimos un momento histórico". José Carballido tamén salientou o labor da Deputación, "fundamental" para "apoiar a creación en galego e visibilizar a nosa cultura". Convidou ao público a asistir ao seu concerto en Cabana de Bergantiños, que será "fermoso e cañero".
E, por último, o cantante de Moura, Diego Veiga, subscribiu as palabras de José Carballido, resaltando que se trata dun "cartaz que condensa moi ben o excelente estado de saúde da música galega". Tamén afirmou que é "un orgullo actuar nun espazo icónico como o Teatro Colón, que nos permite ademais chegar a outro público".