Estás en:Emprego Novas

A Deputación achegará 850.000 euros para a reforma da cuberta do estadio Verónica Boquete de Santiago

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín nun encontro "cordial e produtivo" para sentar as bases das actuacións que requiren a colaboración de ambas administracións nos vindeiros anos

A reforma do estadio municipal, a nova sede da Deputación en Compostela, as obras da Vía Verde e o financiamento dos centros socioculturais do rural e o Ensanche, entre as cuestións tratadas

A Deputación achegará 850.000 euros para a reforma da cuberta do estadio Verónica Boquete de Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe no seu despacho da institución provincial coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nun encontro "cordial e produtivo", no que se abordaron diversas cuestións que requiren da colaboración de ambas as dúas administracións.

Na reunión participaron tamén o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Miriam Louzao, a concelleira de Deportes e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro.

Ao remate do encontro, Formoso anunciou que a Deputación colaborará co Concello de Santiago de Compostela nas obras de reforma da cuberta do estadio municipal Verónica Boquete cunha achega de 850.000 euros que se articulará a través dun expediente de modificación de créditos ao longo do presente ano, o que dará un prazo duns meses ao Concello para redactar o proxecto.

"O Concello de Santiago presentounos unha memoria para abordar distintas necesidades de mellora no estadio, que presenta algunhas deficiencias estruturais e necesidades de actuación tanto na cuberta como na fachada ou no terreo de xogo. "Imos comezar facendo unha achega importante para renovar a cuberta, atendendo así a principal demanda do goberno municipal", afirmou Formoso, que demandou ademais "a implicación da Xunta" na mellora de instalación deportivas. "Non pode ser que a Xunta, que ten as competencias en Deporte, financie só infraestruturas deportivas en Ferrol e non o faga, por exemplo, en Santiago ou na Coruña", afirmou.

Formoso e Samartín abordaron tamén a intención da Deputación de contar cunha delegación en Santiago. O presidente destacou que a institución provincial "contará cunha sede na capital de Galicia antes do final do mandato, en 2027" e que anunciou que actualmente está barallando diferentes emprazamentos para un edificio que, entre outras funcións, debe acoller unha oficina de atención tributaria e un auditorio, xa que a idea é que non só ofreza servizos administrativos, senón tamén que sexa versátil e estea aberto á cidadanía, podendo acoller actividades de carácter lúdico, social e cultural, tal e como estaba previsto no proxecto da Casa da Xuventude.

A maior Vía Verde de Galicia inicia a chegada a Compostela

Outro dos asuntos tratados na reunión de hoxe foi o inicio das obras do primeiro tramo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, previsto para finais de xuño.

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 753.820,86 euros as obras deste primeiro tramo, cun percorrido de 2,2 quilómetros que parte da antiga estación de ferrocarril da Sionlla. O proxecto completarase nos vindeiros meses cunha segunda fase de 8 quilómetros de lonxitude, que discorrerá do punto quilométrico 2+2 ao 10+200. En total, os dous tramos en territorio compostelán sumarán 10 quilómetros e suporán un investimento de 1,8 millóns de euros.

Estes dous tramos de Compostela conectarán co resto da Vía Verde, en funcionamento desde 2022, que atravesa os municipios de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda para completar unha gran ruta ciclable de 36 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril que a consolidan como a maior Vía Verde de Galicia.

Formoso destacou que con esta actuación, "a Deputación da Coruña pretende culminar un gran proxecto de mobilidade sostible que estaba pendente desde hai moitos anos e que goza xa dun gran recibimento por parte da cidadanía nos tramos que están funcionando". Tamén destacou a contribución da Vía Verde "a vertebración dos núcleos rurais e á dinamización turística" nos municipios que atravesa.

220.00 euros para os centros culturais do rural e do Ensanche

Aproveitando a reunión de traballo, Formoso e Sanmartín asinaron os convenios para o financiamento do funcionamento dos centros socioculturais do rural e do Ensanche de Santiago, aos que a Deputación destina 220.000 euros.

A Deputación financiará o 60% os servizos de animación sociocultural e de novas tecnoloxías de 21 centros socioculturais do rural do municipio santiagués. Dito orzamento prevé un gasto de persoal para a execución destes servizos de 150.000 euros, dos que ata 90.000 serán aportados pola institución provincial para apoiar actuacións moi variadas e dirixidas para todos os públicos, para nenos e nenas e para adultos.

Doutra banda, o ente provincial financia de xeito parcial os 230.145,18 euros de custos de soldos e salarios e Seguridade Social do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, que conta con dúas persoas animadoras socioculturais, unha auxiliar administrativo e tres uxieres. O documento asinado prevé unha achega por parte da Deputación de 130.000 euros, que representan unha porcentaxe do 56,5% dos gastos sinalados.

Este Centro Sociocultural do Ensanche ofrece actividades formativas anuais dirixidas a persoas adultas e á infancia, actividades complementarias realizadas por asociacións, actividades puntuais como reunións, rutas, visitas ou circuítos saudables e actividades sociais, entre as que destacan os obradoiros de Nadal e Entroido, o baile a colaboración nas festas do barrio.

Finalmente, abordouse a posibilidade da colaboración da Deputación nun proxecto cultural colaborativo proposto polo Concello de Santiago, que se estudará en detalle a nivel técnico.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X