A Deputación inviste case 900.000 euros en 215 clubs da provincia que compiten no ámbito local, provincial ou autonómico
O financiamento serve para sufragar os gastos da tempada competitiva
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destaca o "importante labor" destas entidades na promoción do deporte
A Deputación da Coruña destina 882.977,70 euros a apoiar os clubs deportivos da provincia con equipos ou deportistas que compiten nos ámbitos local, provincial ou autonómico.
A aprobación definitiva deste programa de subvencións de apoio ao deporte coruñés, publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia, beneficia a un total de 215 entidades deportivas sen ánimo de lucro coruñesas de todas as disciplinas deportivas (fútbol, balonmán, xadrez, natación, natación sincronizada, atletismo, baloncesto, ciclismo, hockey, pádel, patinaxe, sendeirismo, tenis, rugby, ximnasia, golf...) que participan nas competicións máis modestas.
A Deputación da Coruña destina ademais outros 1.012.078 euros a apoiar os clubs deportivos e deportistas da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional.
Os importes subvencionados nesta convocatoria van desde os 6.500 euros aos 1.300 euros, en función do coeficiente obtido e do orzamento xustificado presentado para obter a subvención, que será destinada a financiar os custos de participación competitiva.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, apuntou "a importancia deste tipo de axudas para apoiar o amplísimo tecido deportivo da provincia, que fai un labor fundamental para promocionar o deporte dende a base".
Este programa de subvencións súmase a outras axudas outorgadas pola Deputación, como a liña que apoia a clubs e deportistas da provincia que participan en competicións nacionais e internacionais cun millón de euros ou os 451.900 euros destinados á celebración de grandes eventos deportivos no territorio. O reparto de financiamento de ambas as dúas liñas para este 2024 vén de ser aprobado nas últimas semanas.
As subvencións a clubs de ámbito local, provincial ou autonómico poden consultarse no BOP de hoxe:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/06/07/2024_0000003892.html