Santiago de Compostela acollerá o Demoday de iniciativas de emprendemento cooperativo no ámbito do márketing dixital
O acto de presentación dos proxectos, impulsado pola Fundación Paideia Galiza, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e a Escuela de Organización Industrial-EOI, celebrarase o vindeiro xoves 13 de xuño ás 11:30 h no Centro Xove de Creación Cultural de Santiago de Compostela.
Realizarase a entrega de premios do Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital dotado con ata 60.000 € ao mellor proxecto .
Os proxectos presentados a concurso están conformados por mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, participantes na formación "Márketing Dixital e Cooperativismo".
O vindeiro xoves 13 de xuño celebrarase, no Centro Xove de Creación Cultural de Santiago de Compostela, o acto de presentación de proxectos participantes na formación "Márketing Dixital e Cooperativismo". O programa formativo, de carácter gratuíto, realizouse entre febreiro e xuño en Santiago de Compostela e A Coruña e dirixíase a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.
O Demoday, que conta coa colaboración do Concello de Santiago, servirá de marco para a entrega de premios do Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital. A través deste certame, organizado pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza outorgarase un premio de ata 60.000 € para financiar a posta en marcha e o primeiro ano de actividade do proxecto gañador. Á convocatoria podían optar os equipos formados polo alumnado da formación en "Márketing Dixital e Cooperativismo",
O evento de presentación de proxectos do vindeiro 13 de xuño, contará coa participación de Rosa Ana García, deputada de Emprego da Deputación da Coruña ; Eva Curto Izquierdo, en representación da Fundación EOI; Natalia Ponte, Socia da cooperativa Moira, premiada na edición anterior; Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza e María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela.
Este acto estará presentado pola xornalista Alba Mancebo e contará coa actuación de Abril, un dúo formado por Claudia Abril (voz e percusión) e Marina Carpente (violín y voz), un proxecto musical no que se mesturan músicas de raíz galega e ibérica con outros xéneros, o que achega ás melodías tradicionais un aire fresco, adaptándoas a sonoridades actuais.
O evento celebrarase aberto ao público e para asistir é necesaria a inscrición previa a través do formulario na páxina web da Fundación Paideia Galiza.
Fomentando o cooperativismo como modelo de emprendemento
A Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial (entidade dependente do Ministerio de Industria e Turismo) e a Fundación Paideia Galiza levan desenvolvendo nos últimos anos accións dirixidas ao fomento do cooperativismo como modelo de emprendemento solvente. Tras as edicións de 2022 e 2023, nas que resultaron premiadas as cooperativas Kracia e Moira, realizouse unha terceira edición do programa "Marketing Dixital e Cooperativismo" na Coruña e Santiago de Compostela, co financiamento do Fondo Social Europeo.
O obxectivo do programa é mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo crecemento como o do márketing dixital.
A esta iniciativa súmase o apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, que colabora coa Fundación Paideia Galiza na dotación do premio de 60.000 € ao mellor proxecto cooperativista.