Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
A deputada provincial de Emprego, Rosa Ana García, parabenizou ao equipo de goberno por sacar adiante un documento que fará que "medrar con sentido e na dirección correcta"
O Pazo da Peregrina acolleu esta tarde a presentación do documento definitivo da Axenda Urbana 2030 do Concello de Ames, que é o documento que marcará a estratexia e as accións que se han levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable. Esta folla de ruta naceu como resultado dun proceso participativo no que se implicou ao persoal técnico do Concello de Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegasen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose.
O alcalde, Blas García, tamén concelleiro de Axenda Urbana, foi o encargado da benvida institucional da presentación do documento, á que tamén foi convidado o ex-concelleiro da área, David Santomil, para falar dos fundamentos da Axenda Urbana. O acto contou tamén co arquitecto Jorge Duarte, que presentou o proxecto de construción do Mercado municipal de abastos de Ames, recollido neste documento estratéxico.
Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, Rosa Ana García, deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña e María Begoña Freire, directora territorial da Coruña da Consellería de Vivenda e Planificación de Industrias da Xunta de Galicia, acompañaron ao rexedor, Blas García, no peche institucional do acto e ostentaron a representación dos Goberno de España, Galicia e da provincia da Coruña
Blas García destacou que "o que hoxe se está a presentar é o futuro que a veciñanza de Ames escolleu para o seu concello". O rexedor tamén defendeu que Ames é o único Concello que medra porque ten políticas únicas, "as persoas están sempre no centro as políticas e a elaboración deste documento é o mellor exemplo".
O delegado puxo en relevancia o bo aproveitamento por parte de Ames dos fondos do Plan de Recuperación e os esforzos da Administración local por "facer de Ames un concello para as persoas; acolledor, saudable, sostible e participativo; nun lugar da xente, para a xente". Pola súa parte, a deputada provincial Rosa Ana García parabenizou ao rexedor e ao equipo de goberno por sacar adiante un documento que fará que o municipio "medre con sentido e na dirección correcta".
A Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030 e, máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. Nese senso, a través de dito documento búscase definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e que identifique e defina os principais retos e proxectos estratéxicos do concello.
A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. A Axenda Urbana 2030 inclúe a análise e diagnose e máis o marco estratéxico e plan de acción. Ademais, cando sexan aprobados haberá que incluír os indicadores de resultados e seguimento. Tras a presentación desta tarde, o xoves 13 de xuño celebrarase un pleno extraordinario para debater e aprobar, se procede, o documento definitivo da Axenda Urbana 2030.
Para a elaboración de dito documento estratéxico abriuse un proceso participativo a través dunha enquisa aberta á participación cidadá e con diferentes foros nos que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegaran propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose.
A análise e diagnose céntrase en diferentes eidos como son o territorio, paisaxe e biodiversidade; modelo de cidade; cambio climático; xestión sustentable dos recursos e economía circular; mobilidade e transporte; cohesión social e igualdade de oportunidades; economía urbana; vivenda e era dixital.