Estás en:Emprego Novas

Formoso demanda incrementar recursos e sensibilizar contra o estigma das enfermidades mentais na inauguración da nova sede de FEAFES na Coruña

A entidade, que agrupa a asociacións con presenza en 30 concellos galegos, celebra que a saúde mental "empeza por fin a entrar na axenda política"

Formoso demanda incrementar recursos e sensibilizar contra o estigma das enfermidades mentais na inauguración da nova sede de FEAFES na Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presidiu esta mañá o acto inaugural da nova sede da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) na rúa Revolución Francesa da Coruña.

No acto estivo acompañado pola deputada provincial e concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, a xefa do servizo de xestión da Consellería de Sanidade, Marta Gil, e o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón.

Formoso felicitou a FEAFAES Galicia, que integra a 12 asociacións en 30 localidades de Galicia, polos seus 40 anos de historia e pola súa loita continua a favor da mellora das condicións de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias.

O presidente da Deputación remarcou que a saúde mental "é un problema de índole social que medra ano tras ano e que case sempre enfrontan en primeira liña as familias, os concellos e entidades sociais como as que integran FEAFAES" e para o que son necesarios "máis recursos, máis medios e mellor coordinados e sensibilizar á sociedade contra o estigma que aínda persiste sobre as doenzas mentais".

Neste sentido, coincidiu con presidente de FEAFAES na necesidade de ir máis aló do marco asistencial para formular unha "abordaxe integral e eficaz" que dea solucións ás persoas que as sofren e as súas familias. "Por suposto, a saúde mental non é competencia da Deputación, pero é un asunto que nos incumbe a todos, por iso implicámonos para apoiar a entidades coma esta na súa importante labor de ofrecer apoio social, xurídico e de inserción laboral ás persoas que sofren a enfermidade e ás súas familias".

Pola súa banda, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, destacou que "hoxe é un día moi importante porque esta nova sede da federación é froito de moitos anos de esforzo e suporá unha importante mellora na nosa actividade e polo tanto da calidade de vida das persoas ás que prestamos servizo", afirmou.

Girón agradeceu que a saúde mental "empeza por fin a entrar na axenda política" porque "é un problema global da sociedade e debe abordarse como un problema de saúde pública".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X