Estás en:Emprego Novas

A cooperativa compostelá FENDA Studio Creativo, gañadora do Concurso de Proxectos de Cooperativas de Márketing Dixital impulsado pola Deputación da Coruña e Fundación Paideia

Os impulsores do proxecto recibirán 60.000 euros para a posta en marcha da cooperativa deseñada ao longo do programa formativo

Os proxectos presentados a concurso están conformados por mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, participantes nun programa de formación sobre Márketing Dixital e Cooperativismo

A cooperativa compostelá FENDA Studio Creativo, gañadora do Concurso de Proxectos de Cooperativas de Márketing Dixital impulsado pola Deputación da Coruña e Fundación Paideia

O Centro Xove de Creación Cultural de Santiago de Compostela acolleu onte o acto de presentación dos proxectos participantes no programa "Márketing Dixital e Cooperativismo", impulsado pola Deputación da Coruña, Fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial (EOI) tras o cal se seleccionou á cooperativa gañadora desta edición. A parte formativa deste programa, de carácter gratuíto, realizouse entre febreiro e xuño en Santiago de Compostela e A Coruña e dirixíase a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.

Grazas a este proxecto, a cooperativa Fenda Studio Creativo formada por Elena Iglesias, Daniela Domínguez, Ana Crujeiras e Manuel Sisto, catro mozas e mozos de Santiago de Compostela, recibirá 60.000€ de premio para financiar a posta en marcha e o primeiro ano de actividade.

Ao acto asistiron Rosa Ana García, deputada de Emprego da Deputación da Coruña; Eva Curto Izquierdo, en representación da Fundación EOI; Natalia Ponte, Socia da cooperativa Moira, premiada na edición anterior; Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza e María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela.

Rosa Ana García destacou a importancia de impulsar programas como este, que axudan á mocidade a emprender no ámbito da economía social e nun sector puxante, como é o do márketing dixital.

Fomentando o cooperativismo como modelo de emprendemento

A Fundación EOI – Escola de Organización Industrial (entidade dependente do Ministerio de Industria e Turismo) e a Fundación Paideia Galiza levan desenvolvendo nos últimos anos accións dirixidas ao fomento do cooperativismo como modelo de emprendemento solvente. Tras as edicións de 2022 e 2023, nas que resultaron premiadas as cooperativas Kracia e Moira, realizouse unha terceira edición do programa "Márketing Dixital e Cooperativismo" na Coruña e Santiago de Compostela, co financiamento do Fondo Social Europeo.

O obxectivo do programa é mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo crecemento como o do márketing dixital.

A esta iniciativa súmase o apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, que colabora coa Fundación Paideia Galiza na dotación do premio de 60.000 € ao mellor proxecto cooperativista.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X