O novo auditorio de Ribeira acolleu o concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia
A actuación, que se celebrou onte ás 20h, é unha das actividades programadas pola área de cultura da Deputación, dentro do convenio que se asinou recentemente coa OSG
A deputada de cultura, Natividade González, puxo en valor o novo auditorio, "unha infraestrutura cultural que lle permitirá á veciñanza contar cun espazo no que gozar da cultura nas súas diferentes expresións"
A Orquestra Sinfónica de Galicia actuou onte pola noite no novo Auditorio de Ribeira; un concerto programado pola área de cultura da Deputación da Coruña, e que forma parte do convenio asinado entre ambas entidades para o financiamento das actividades da OSG cun investimento de 1,5 millóns de euros.
A deputada de cultura, Natividade González, acompañada do alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, presentou o concerto da OSG en Ribeira "un momento histórico" no que tamén estivo presente a deputada provincial de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra. González salientou durante a súa intervención o potencial do novo auditorio para a veciñanza, "unha infraestrutura cultural que lle permitirá gozar da cultura nas súas diferentes expresións" e tamén "un símbolo do compromiso coa cultura, coa música e coas artes". Inaugurado o pasado 15 de xuño, trátase dun espazo "destinado a converterse nun referente cultural da comarca e da provincia, grazas á programación de actividades como esta" apuntou a deputada.
"Dende a Deputación da Coruña", engadiu, "somos conscientes da enorme necesidade que teñen os concellos para programar e dotar de contido a espazos tan singulares coma este, por iso son tan importantes as nosas liñas de axudas, a Rede Cultural e moitas outras colaboracións puntuais, como a de hoxe, posible grazas ao convenio que temos coa Orquestra Sinfónica de Galicia". Convenio que inclúe, ademais, a programación de concertos en diferentes concellos de toda a provincia. "Ribeira forma parte dos principias ciclos de concertos en Galicia, xunto con cidades como Ferrol, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, ou vilas como Mondoñedo, Sobrado dos Monxes, Vilagarcía de Arousa, e Ponteareas".
Natividade González rematou a súa intervención felicitando á Orquestra Sinfónica de Galicia que, "baixo a batuta do mestre Roberto González-Monjas, é unha das formacións mais prestixiosas de España, recoñecida pola súa excelencia musical, e pola súa contribución ao panorama cultural, tanto a nivel nacional coma internacional. A Orquestra Sinfónica é un verdadeiro tesouro".