A Deputación reparte case 300.000 euros no programa de subvencións para investimentos culturais do tecido asociativo
Os 90 beneficiarios recibirán axudas de entre 1.500 e 14.000 euros
O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a resolución da concesión definitiva das subvencións correspondentes ao Programa FO204, para que as entidades sen fins de lucro realicen investimentos culturais durante o ano 2024. A Deputación da Coruña repartirá 297.978 euros entre 90 asociacións, que recibirán achegas de entre 1.500 e 14.000 euros.
A deputada de Cultura, Natividade González, puxo en valor o programa, "pois inclúe a todo o tecido asociativo sen fins de lucro da provincia, desde as entidades culturais, ás de natureza veciñal, socioeducativa e mesmo social e asistencial". "Grazas ao programa", engadiu, "as asociacións poderán mellorar ou renovar os seus equipamentos e moblaxe, facer reformas nos seus locais ou mercar material de uso técnico e artístico para desenvolver os seus programas".
González salientou tamén o labor que realizan a prol da cultura estas entidades, "ás máis delas con moitos anos de actividade continuada, unha gran base social e ferramentas de difusión e grande impacto social, que representan a todos os eidos da cultura, desde as artes escénicas ou musicais ás plásticas e audiovisuais, pasando polas que contan con grupos estables de persoas no campo dos patrimonios material ou inmaterial".
A relación de beneficiarios pode consultarse ou descargarse no BOP do 25 de xuño.