A Deputación subvenciona este ano con preto de 471.000 euros os programas culturais de 102 corais, bandas e outras formacións e entidades musicais
Os beneficiarios recibirán axudas de entre 1.500 e 20.000 euros
A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a concesión definitiva, cun investimento de 470.739 euros, do programa FO213/2024, de subvencións a corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato da provincia da Coruña, para o desenvolvemento de actividades culturais durante o ano 2024. Os 102 beneficiarios recibirán axudas de entre 1.500 e 20.000 euros.
"Un dos ámbitos que desde a área de Cultura da Deputación da Coruña se vén atendendo de xeito específico nos últimos anos é o da cultura amadora dos campos da música tradicional e popular", explica a deputada de Cultura, Natividade González. "Así", engade, "bandas de música popular, formacións corais, entidades centradas na música ou baile tradicional galego, entre outras, contan con esta convocatoria propia que se mantén co obxectivo de axeitar da mellor maneira o apoio da institución provincial ás necesidades destas entidades e colectivos culturais, que son pezas chave na dinamización sociocultural dos nosos concellos e que fan un moi importante labor de formación musical de base, transmisión de valores culturais e cohesión social".
"Con este investimento de case medio millón de euros, en 2024 o departamento de Cultura da Deputación renova a súa aposta polas axudas ao sector cultural en todas as súas dimensións, pois sabemos que son fundamentais as políticas públicas que apoien claramente a diversidade cultural e garantan o dereito á produción e ao acceso cultural no noso idioma".
A relación dos beneficiarios e o importe das subvencións que recibirá cada un poden consultarse no BOP do 3 de xullo.