Estás en:Emprego Novas

A Deputación colabora nos programas de formación ocupacional e promoción da vida autónoma da Asociación Integro

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou en Cabana de Bergantiños a sede da entidade e destacou "o excelente labor que desde hai máis de tres décadas desenvolve a favor da inclusión e a autonomía das persoas con discapacidade das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra"

A Asociación Íntegro foi gañadora o ano pasado dun dos premios de Boas Prácticas que convoca a Deputación da Coruña

A Deputación colabora nos programas de formación ocupacional e promoción da vida autónoma da Asociación Integro

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou hoxe en Nantón (Cabana de Bergantiños) a sede da Asociación Íntegro, unha dos centos de entidades sociais da provincia que contan co apoio económico da Deputación da Coruña.

Acompañada do presidente da entidade, Adolfo López Baña, da directora do centro, Noelia Barrera, o tesoureiro, Silvestre Couto, e representantes da xunta directiva de Íntegro, a deputada provincial visitou as instalacións e interesouse polos distintos servizos que ofrecen ás persoas con diversidade funcional, entre eles programas de formación ocupacional, centro de día, servizos de rehabilitación física, fisioterapia e psicoloxía, programas de fomento da autonomía persoal e de ocio e tempo libre, ademais de contar cun servizo de transporte adaptado.

Mar García destacou "o excelente labor que desde hai máis de tres décadas desenvolve a entidade a favor da inclusión e a autonomía das persoas con discapacidade das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, un gran traballo que o ano pasado foi merecedor dun dos premios de boas prácticas en servizos sociais que outorga a Deputación", apuntou.

A deputada sinalou que a colaboración da Deputación con Íntegro permitiu mellorar as súas instalacións, así como manter e mellorar algúns dos servizos esenciais que presta a entidade, como as actividades do centro ocupacional, que foi equipado tamén con fondos provinciais; o centro de día ou servizo de transporte adaptado "fundamental para os usuarios e que conta cunha elevada demanda, dada a situación xeográfica do centro, nun entorno de municipios rurais".

Íntegro solicitou a colaboración da Deputación da Coruña para acometer diferentes obras de reforma interior e mellora das súas instalacións, unha demanda que Mar García comprometeuse a estudar.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X