Tempo Social Training, Pilgrim Travel, Insertega e Bico de Xeado gañan os Premios PEL 2024 da Deputación da Coruña
A sexta edición dos galardóns premiou ás mellores empresas da provincia nunha edición con récord de participación, na que se presentaron 92 candidaturas
Formoso explicou que a elevada participación supón unha "excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para seguir innovando con talento formado aquí" e "seguir sendo o motor económico de Galicia"
O presidente subliñou a importancia de favorecer a implantación de proxectos industriais estratéxicos que permitan que a nosa xente moza "poda desenvolver todo o seu potencial aquí en Galicia e non teña que emigrar na busca de oportunidades" e de "apostar pola implantación de empresas no rural para loitar contra o despoboamento"
A Deputación da Coruña celebrou este serán no novo Auditorio Municipal de Ribeira a VI edición dos premios PEL, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas, asociacións e clústeres empresariais da provincia e a súa aposta polo desenvolvemento económico de Galicia.
A larachesa Tempo Social Training, a herculina Pilgrim Travel, Insertega, con sede no Polígono de Sabón (Arteixo), e a bergondesa Bico de Xeado foron as galardoadas da noite, nun acto no que houbo tamén un recoñecemento para o xornalista económico Julio Pérez e que contou cunha ampla representación do tecido social, político, económico e empresarial da provincia, encabezada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e que contou coa presenza de numerosos deputados da corporación provincial e alcaldes e alcaldesas da provincia, entre eles o de Ribeira, Luís Antonio Pérez, que deu a benvida aos asistentes.
A sexta edición destes galardóns logrou superar o seu récord de inscricións. Presentáronse un total de 92 candidaturas, un fito que o presidente destacou como unha "excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para seguir innovando, apostando polo talento formado aquí e impulsando proxectos empresariais de éxito".
"Cos premios PEL queremos recoñecer o talento e innovación dos emprendedores e das pequenas empresas da provincia. Todas elas, co traballo das persoas que hai detrás, contribúen á creación de emprego, á dinamización económica e á proxección da imaxe de Galicia", apuntou Formoso, que lembrou que grazas a isto, a provincia da Coruña afiánzase como "o motor económico" da comunidade autónoma.
O PEL, un impulso á creación de emprego na provincia
Valentín González Formoso quixo pór en valor o Plan de Emprego Local, xa que cando chegou á presidencia da Deputación, no ano 2015, a institución provincial apenas investía un millón de euros anual na creación de emprego.
Oito anos despois, a creación do PEL supuxo un investimento de 112,8 millóns de euros que axudaron a crear 7.196 empregos directos tanto no eido público como no privado. Ademais, 11.875 empresas e profesionais autónomos recibiron o apoio económico da Deputación da Coruña para impulsar a súa competitividade e modernización, e preto dun centenar de emprendedores desenvolven os seus proxectos de negocio nos 11 centros cos que conta actualmente a Rede Provincial de Espazos de Coworking noutros tantos municipios coruñeses.
"Entendíamos que era necesario potenciar a actuación da Deputación neste ámbito, pois o noso traballo é axudar a crear emprego, apoiar aos emprendedores, axudalos a facer realidade os seus soños, que mañá contribuirán a crear emprego e a facer unha sociedade mellor", expresou Formoso.
Para o presidente, "ningún proxecto empresarial bo pode quedar no papel por falta de apoio técnico ou económico", polo que "as axudas para dar o primeiro paso son sempre fundamentais. Así nolo transmiten os emprendedores e emprendedoras e aí está a Deputación para apoialos", sinalou.
Formoso subliñou tamén a importancia de favorecer a implantación de proxectos industriais estratéxicos que permitan que o talento e o coñecemento da nosa xente moza "poda desenvolver todo o seu potencial aquí en Galicia e non teña que emigrar na busca de oportunidades" e subliñou a necesidade de "apostar pola implantación de empresas no rural, un aspecto fundamental para loitar contra o despoboamento e impulsar o progreso económico de Galicia".
72.000 en premios para as gañadoras
As empresas e entidades gañadoras nas catro categorías oficiais recibirán un premio en metálico por importe de 18.000 euros. Así, repartíronse un total de 72.000 euros nesta edición dos premios PEL.
Tempo Social Training Club S.L. recibiu o premio na categoría de Mellor iniciativa empresarial nova, ao ter en conta o xurado o trasfondo social do proxecto, que aposta pola integración e dinamización da poboación rural a través da creación de comunidade e o fomento de hábitos de vida saudables.
Nacida hai tan só dez meses no concello de A Laracha por iniciativa dos irmáns Jesús e Lucía Graña Aller, Tempo cristalizou na posta en marcha dun centro de actividade física e deportiva, de descanso e de interrelación humana. Así, a súa distinción con respecto aos ximnasios convencionais atópase no enfoque integral e holístico que combina múltiples facetas do benestar nun só espazo. As actividades deportivas, os eventos culturais, os programas sociais e os espazos integradores únicos para a atención á diversidade e a conciliación son as súas grandes liñas de actuación.
Pilgrim Travel SL foi galardoada na categoría de Mellor iniciativa empresarial consolidada. Trátase dunha empresa fundada na cidade da Coruña no ano 2016 por Roberto Fraga e Laura Castelo. Esta axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago obtivo o recoñecemento polo seu potencial crecemento económico, a xeración de emprego, o proceso de dixitalización e a actividade dinamizadora e creadora de valor do Camiño. Así, Pilgrim xa non só realiza soporte ás persoas peregrinas, senón que se ocupa de todo tipo de servizos relacionados coas súas necesidades. A empresa, ademais, busca un enfoque ecolóxico para mellorar a sustentabilidade das rutas.
O premio á Mellor iniciativa verde foi para Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaje Textil SL – Insertega. A súa labor a prol do medio ambiente e a integración social, coa importante innovación na reciclaxe, e a xeración de postos de traballo para persoas en risco de exclusión social foi recoñecida polo xurado. Situada na actualidade no Polígono de Sabón, en Arteixo, Insertega arrincou a súa actividade no 2013 e está categorizada como Centro Especial de Emprego desde un ano despois. O 100% do seu plantel, de máis de 200 traballadores e traballadoras, ten recoñecida algún tipo de discapacidade. A súa actividade desenvólvese arredor da valoración do residuo téxtil e leva xestionadas 50 millóns de prendas grazas á súa rede de máis de 350 colectores para captar o residuo téxtil xerado nos fogares.
Por último, a Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña – Bico de Xeado obtivo o recoñecemento a Mellor iniciativa transformadora do rural. O xurado entendeu que merecía o galardón pola súa traxectoria de expansión, que fixo posible que levase o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. Ademais, foi quen de promover o produto galego de proximidade e ecolóxico poñendo, ao mesmo tempo, en valor ao rural. Con sede en Bergondo, Bico de Xeado vén traballando na revalorización do sector lácteo desde o desenvolvemento de áreas estratéxicas baseadas na sostibilidade, a investigación de materias, a inclusión dun formato monodose que permitirá aumentar a adaptabilidade do seu produto e a fundamental elaboración con materiais de proximidade. Todo para expandirse no mercado dun xeito que pelexa contra o reto demográfico a través da creación de oportunidades no rural.
Recoñecemento ao mellor comunicador
No acto tamén houbo espazo para un recoñecemento ao Mellor comunicador en materia de Economía e Empresa. Foi ás mans do xornalista Julio Pérez Domínguez, nacido en Betanzos e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Despois dunha ampla traxectoria en medios como La Voz de Galicia, RNE, Antena 3, Localia Lugo, La Opinión de A Coruña e TVG, incorporouse a Faro de Vigo no ano 2017. Desde 2023 é xefe da sección de Economía deste xornal que forma parte do grupo Editorial de Prensa Ibérica, polo que as súas pezas tamén aparecen en La Opinión e El Correo Gallego. Foi Premio Albarelo de Periodismo, Premio Eolo, Mellor comunicador en enerxía de Galicia e Premio Enerxéticos.