Estás en:Emprego Novas

A Deputación completa as obras de ampliación e mellora da estrada de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, tras un investimento de 1,5 millóns de euros

O presidente Valentín González Formoso e a alcaldesa Mónica Rodríguez, acompañados do exdeputado de Vías e Obras José Manuel Pequeño, inauguraron hoxe unha das obras máis importantes acometidas en Vimianzo na última década

As obras incluíron a modificación do trazado da DP-9203 para eliminar as curvas perigosas existentes no núcleo de Padreiro e unha senda peonil de case dous quilómetros de lonxitude

A Deputación completa as obras de ampliación e mellora da estrada de Caxadas a Baíñas, en Vimianzo, tras un investimento de 1,5 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a alcaldesa de Vimianzo e responsable do departamento provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez Ordóñez, e o exalcalde de Dumbría e anterior responsable de Obras da Deputación, José Manuel Pequeño Castro, inauguraron hoxe en Vimianzo as obras de ampliación, mellora do trazado e da seguridade peonil que a institución provincial vén de completar na estrada provincial DP- 9203 de Caxadas a Baiñas. No acto, que incluíu o descubrimento dunha mouteira de pedra cunha placa conmemorativa, participaron tamén representantes do goberno municipal de Vimianzo e numerosos veciños e veciñas de Baiñas.

Cun investimento de 1.558.322 euros, trátase dun dos proxectos máis ambiciosos realizados pola Deputación na rede provincial de estradas durante este mandato e dunha das obras máis importantes acometidas en Vimianzo na última década, que incrementará notablemente a seguridade tanto do tráfico como nos desprazamentos a pé da veciñanza.

"A necesidade de acometer unha mellora integral da seguridade deste vial foi unha das cuestións prioritarias que a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, me trasladou ao inicio do mandato", lembrou hoxe Formoso, que destacou tamén o importante papel que José Manuel Pequeño desempeñou no seu tempo á fronte de área provincial de Vías e Obras para que hoxe sexa unha realidade.

Formoso felicitou á alcaldesa "porque era unha obra moi necesaria" e "sei que estivo moi pendente da evolución dos traballos e de que se executaran no menor tempo, coas mínimas molestias para a veciñanza e co mellor resultado posible". "Hoxe temos unha estrada máis segura, cun trazado mellor e unha senda para que os veciños e veciñas de Baíñas podan pasear con seguridade", afirmou o presidente.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradeceu ao presidente provincial a súa implicación "no desenvolvemento dunha estrada moi importante para Vimianzo, xa que nos conecta con Santiago, e nomeadamente para a veciñanza da parroquia de Baíñas, que ve como a seguridade deste vial aumenta de forma substancial".

Rodríguez insistiu no "papel fundamental da Deputación para completar unha das obras máis importantes da última década no noso Concello, un arranxo que suporá un antes e un despois na circulación por esta zona".

As obras incluíron a construción dunha variante para evitar o sinuoso trazado que tiña o vial ao seu paso polo núcleo de Padreiro, onde presentaba curvas perigosas nas que se rexistraba unha elevada sinistralidade.

A veciñanza das vivendas lindeiras coa DP- 9203 dispón tamén agora dun novo itinerario peonil accesible e seguro, que permite tamén que os máis pequenos tamén podan acceder con seguridade ao bus escolar que para na zona.

A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorre durante case 2 quilómetros desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. Tamén se executou a renovación da ponte sobre o río Castro, xa que anterior carecía da capacidade para desaugar necesaria.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X