Estás en:Emprego Novas

A deputada de lingua fai entrega dos galardóns do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

Soledad Agra destacou que "é un orgullo premiarvos, porque vos sodes o premio de todas as persoas que amamos a nosa lingua"

Pilar García Negro, Nova Escola Galega e Aquí tamén se fala recolleron os seus premios nun acto que contou tamén coa actuación de Marián Romero

A deputada de lingua fai entrega dos galardóns do XV Premio Rosalía de Castro de Lingua

O coruñés Circo de Artesáns converteuse hoxe no escenario de posta de largo do XV Premio Rosalía de Castro, convocado pola Deputación da Coruña para recoñecer iniciativas, traballos e traxectorias comprometidas coa promoción e dignificación da lingua galega.

A deputada de lingua, Soledad Agra, entregou os galardóns ás propostas premiadas: Pilar García Negro, Nova Escola Galega, e Aquí tamén se fala, nun acto conducido por María Obelleiro, que contou tamén coa cantante Marián Romero.

"Rosalía de Castro volve ao circo de artesáns, a esta sociedade creada por artesáns e comerciantes da Coruña convertida no centro da cultura da cidade e de Galiza desde hai séculos" afirmou a deputada. "Os premios Rosalía de Castro de lingua non poden ter un mellor nome, e supoño que para as nosas premiadas hoxe tampouco, porque compartimos o amor pola nosa lingua. Por iso, o voso traballo, énchenos de orgullo e de gratitude, porque o voso esforzo, a vosa dedicación, a vosa defensa do noso ben máis prezado, é para nós unha referencia".

Soledad Agra fixo referencia, así, ás tres propostas premiadas de cada unha das categorías: Pilar García Negro na de persoas, "unha das imprescindibles na análise certeira da situación lingüística deste país, na descuberta da Rosalía feminista, defensora dos oprimidos, reivindicativa da lingua e do orgullo do noso"; Nova Escola Galega na de entidades "43 anos traballando para unha transformación democrática da educación, reivindicando un modelo de escola pública crítica, participativa, con fonda preocupación polo desenvolvemento cultural galego e moito material editado para a formación docente en didáctica da lingua galega" e Aquí tamén se fala, "a sorpresa do ano" na categoría de iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, "polo traballo incansable de Alberto Pombo e Arcadio González, xunto coa rapazada do IES Rafael Dieste, que levou a cada recuncho do noso país ese slogan con tanto significado detrás".

"É un orgullo premiarvos, porque vós sodes o premio de todas as persoas que amamos a nosa lingua", concluíu a deputada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X