Estás en:Emprego Novas

A Deputación colabora nas actividades da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM)

A entidade ofrece rehabilitación, apoio social, psicolóxico e xurídico a persoas con esclerose múltiple, ELA, Párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron a entidade

A Deputación colabora nas actividades da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM)

Mar García e Antonio Leira visitaron hoxe o centro para coñecer as súas actividades

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, e o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, visitaron hoxe en Santiago a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), onde acompañados do vicepresidente da entidade, Enrique Ben de la Fuente; Teresa González Salvadores, membro da xunta directiva, e o director do centro, Marcos Moure, percorreron as instalacións e coñeceron de primeira man os servizos e actividades que ofrecen a persoas da área sanitaria con enfermidades como esclerose múltiple, ELA, Párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas, parte deles coa colaboración económica da Deputación da Coruña a través das liñas de subvencións para entidades sociais.

Os responsables de ACEM explicaron que o obxectivo da entidade é dar un servizo integral e multidisciplinar aos seus usuarios e usuarias, co fin de reducir os síntomas das súas doenzas e mellorar o seu estado xeral de saúde. Para iso, realízase un plan individualizado por parte dun amplo equipo de profesionais, que inclúe fisioterapia, logopedia, psicoloxía, traballo social relacionado co dependencia, incapacidade e figuras afíns, terapia ocupacional e asesoramento xurídico.

Mar García interesouse polos distintos programas e polas necesidades de mellora detectadas polos especialistas da entidade nas diferentes áreas que abarca e gabou "o gran labor que realiza ACEM desde hai case tres décadas para apoiar ás persoas con enfermidades neurodexenerativas e as súas familias".

No encontro abordouse tamén a posibilidade de futuras colaboracións entre a Deputación e ACEM no ámbito deportivo que o deputado Antonio Leira comprometeuse a estudar co fin de apoiar tamén a actividade da entidade neste ámbito, no que ACEM xa está a realizar actividades como a Carreira pola Esclerose Múltiple, que contribúen a mellora física e anímica dos seus usuarios.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X